A BIBLIOTECA DOS LIBROS REXEITADOS
Hoxe falamos de "La biblioteca de los libros rechazados", do escritor francés David Foenkinos, que o publicou co título orixinal de "Le mystère Henri Pick". Unha novela na que a protagonista é outra novela, supostamente escrita por un home que, segundo a súa viúva, non leu un libro na súa vida, e moito menos o escribiu. Sobre esta dúbida desenvólvese toda unha trama que nos fai reflexionar sobre o mundo editorial, e sobre o márketing que o rodea.
Para o próximo mes descansamos do tema dos libros, escritores, bibliotecas e editoriais e saltamos á novela histórica. Propoñemos a última novela de María Oruña: O albatros negro, unha novela que se ambienta en Vigo e Redondela, e recrea, entre a historia e a ficción, o tempo da batalla de Rande.
E como imos ter algo máis de tempo, pois veñen as vacacións de Semana Santa, engadimos outra proposta. Esta vez volvemos a ler teatro, na obra póstuma dun dos nosos autores máis queridos: Domingo Villar. Síbaris é o seu titulo.
Vémonos de novo o 28 de abril.
Boas lecturas!