martes, 17 de xuño de 2025

ATA SETEMBRO!

 Onte tivemos a nosa última xuntanza deste curso. Acompañounos David Cortizo Nieto, autor de Púrpura Tero


Para pechar este curso que dedicamos principalmente ao tema dos libros, a escritura, as bibliotecas, librarías, editoriais... e aproveitando que David Cortizo é un autor polifacético, que foi e é escritor, corrector, tradutor, editor e representante de editoriais, pedímoslle que, ademais da súa novela, nos falase do proceso de edición dunha obra e do mundo editorial por dentro. 

Foi unha tarde moi interesante na que aprendemos moito e o pasamos ben ao mesmo tempo.

Esperamos volvernos atopar por aquí para o próximo curso.

QUE TEÑADES UN BO VERÁN E NON ESQUEZADES LER MOITO!

martes, 27 de maio de 2025

E PARA REMATAR, CONVERSA CO ULTIMO AUTOR DESTE CURSO

 O próximo día 16 de xuño celebraremos a nosa última reunión deste curso. 

Para rematar, unha distopía: Púrpura Tero, a primeira novela de David Cortizo.

Ademais de conversar co seu autor, clausuraremos o curso cun cafeíño e uns doces.

Non faltedes!



luns, 26 de maio de 2025

HOXE VISITOUNOS PEPE CARBALLUDE

 


O profesor e novelista Pepe Carballude falounos desta novela, do seu tema central, a inmigración e os problemas colaterais que sofren as persoas que deixan a súa terra para buscar un futuro mellor noutro país ou mesmo noutro continente.

Falounos da súa propia experiencia como fillo de emigrante, e de galegos ilustres que se viron obrigados a facer o meso, ben por necesidade económica ou fuxindo da persecución política, Citou varios deles, pero centrouse en varios exemplos como Neira Vilas ou Luís Seoane, aos que coñeceu, e contou algunha anécdota protagonizada por estes dous grandes da nosa cultura.

Como despois da nosa xuntanza tiña un encontro co alumnado de 1º da ESO e o de latín de BAC, para falar da vida dos antigos romanos, aproveitamos para comentar tamén outro dos seus libros, de non ficción, que tamén leramos:



martes, 29 de abril de 2025

PARA O MES DE MAIO...

 Antes de marchar de ponte deixámosvos uns avisos:

  • En primeiro lugar, lembrámosvos que o próximo día 13 temos outra presentación relacionada coas Letras Galegas e as cantareiras homenaxeadas: esta vez trátase do Cancioneiro Galego Serodio, de Xabier Díaz.
O venres 16 non esquezades que temos a nosa particular foliada, no patio cuberto, na que varias rapazas do centro interpretarán cantigas recollidas en distintas parroquias de Vimianzo. 
  • E o luns 26, día da próxima reunión do noso club, contaremos coa presenza do autor Pepe Carballude, co que falaremos da súa última novela, En terra allea... e algunha máis.



luns, 28 de abril de 2025

HOXE BUSCAMOS TESOUROS NA RÍA DE VIGO

 Na reunión de hoxe dedicamos bastante tempo a comentar a última novela de María Oruña, da que houbo opinións bastante dispares, desde a quen lle encantou a trama en si, e a idea de recrear a  batalla de Rande e todo o seu contexto histórico, ata quen considerou a historia e as relacións entre os personaxes bastante previsibles. 

  


As descricións detalladas de varios lugares e edificios da cidade de Vigo lembrounos unha obra de Pedro Feijoo, "Camiñar o Vigo vello", da que tamén falaramos no encontro co este autor o pasado mes de xaneiro.

Non nos deu tempo de falar da peza teatral de Domingo Villar que tamén leramos para hoxe. Esperamos que nalgunha das dúas xuntanzas que nos quedan poidamos comentala. 



martes, 22 de abril de 2025

QUE TAL FORON AS VACACIÓNS?

 XA DE VOLTA!

Lembrade que o próximo luns 28 temos xuntanza, para falar de:

  e   




luns, 31 de marzo de 2025

HOXE FALAMOS DE FOENKINOS

A BIBLIOTECA DOS LIBROS REXEITADOS

Hoxe falamos de "La biblioteca de los libros rechazados", do escritor francés David Foenkinos, que o publicou co título orixinal de "Le mystère Henri Pick". Unha novela na que a protagonista é outra novela, supostamente escrita por un home que, segundo a súa viúva, non leu un libro na súa vida, e moito menos o escribiu. Sobre esta dúbida desenvólvese toda unha trama que nos fai reflexionar sobre o mundo editorial, e sobre o márketing que o rodea.


Este foi o primeiro libro que propuxemos sen telo lido antes, e parece que non acertamos de todo. Non coñeciamos esta novela pero si outras deste autor, que nos gustaron moito, pero parece que non gustou demasiado a gran parte dos membros do club. Se cadra foi porque tiñamos as expectativas altas de máis. Quen sabe!

Aproveitamos a sesión para comentar tamén a película, dirixida polo tamén francés Rémi Bezançon, que algúns membros do club viron na súa versión orixinal.

  
  


Para o próximo mes descansamos do tema dos libros, escritores, bibliotecas e editoriais e saltamos á novela histórica. Propoñemos a última novela de María Oruña: O albatros negro, unha novela que se ambienta en Vigo e Redondela, e recrea, entre a historia e a ficción, o tempo da batalla de Rande.

E como imos ter algo máis de tempo, pois veñen as vacacións de Semana Santa, engadimos outra proposta. Esta vez volvemos a ler teatro, na obra póstuma dun dos nosos autores máis queridos: Domingo Villar. Síbaris é o seu titulo.

Vémonos de novo o 28 de abril.

Boas lecturas!




luns, 24 de febreiro de 2025

NA CUARTA XUNTANZA, RAY BRADBURY E...

 Esta tarde reunímonos para comentar a nosa última lectura: 




Reflexionamos, entre outras cousas, sobre aspectos do libro que agora son reais, como o poder de medios como a televisión, a alienación da sociedade, a prevalencia da imaxe e o son, o rápido e efémero da información e das mensaxes, a invasión da intimidade, a sobrecarga de "información" sobre todo audiovisual, a publicidade personalizada...


Tamén fixemos unha pequena tertulia de cine, pois varios de nós vimos algunha das películas que se fixeron encol desta novela clásica do século XX. Ademais de comentalas, tivemos ocasión de comparar o filme máis antigo, de 1966, e o máis moderno, de 2018. Como adoita ocorrer, as opinións foron moi diversas

Finalmente rematamos propoñendo a próxima lectura e a data da reunión de marzo:

  • A vindeira lectura será "La biblioteca de los libros rechazados", de David Foenkinos (deste tamén hai película, intentaremos vela e comentala tamén.
  • Reunirémonos o 31 de marzo para comentar libro e película.

luns, 27 de xaneiro de 2025

HOXE TIVEMOS VISITA

 Que ben aproveitada a xuntanza de hoxe, na que tivemos a oportunidade de escoitar a Pedro Feijoo e de conversar con el sobre varias das súas obras, o proceso creativo e a súa evolución como autor. Nas redes do IES podedes ver algunha imaxe, e na páxina da biblioteca atoparedes o podcast que gravou a profe Ana 

Falamos da súa última novela, 



pero tamén das primeiras, coas que se deu a coñecer como autor de narrativa de misterio, policial e negra:

  • Os fillos do mar
  • A memoria da choiva
  • Os fillos do lume
  • Un lume azul

da súa obra máis persoal e da máis humorística:

  • Sen piedade
  • Morena, perigosa e románica

e rematou anunciándonos a publicación da seguinte, que aparecerá para maio.

Xa nos tarda!


E como non nos deu tempo de falar das próximas lecturas nin da data da seguinte reunión, aquí vos deixamos a información, que recibiredes tamén por correo electrónico, coma sempre:

Para febreiro tócanos un gran clásico que algúns xa coñemos pero que sempre merece unha relectura e unha reflexión, sobre todo nestes tempos nos que parece que a lectura e o coñecemento perden importancia. Trátase de Fahrenheit 451, de Ray Bradbury, unha distopía na que a lectura e os libros están prohibidos.




Reunirémonos para comentalo o luns 24 de febreiro.






luns, 13 de xaneiro de 2025

NA TERCEIRA XUNTANZA FALAMOS DE...

 Hoxe xuntámonos para comentar as últimas lecturas. Por certo, aproveito para lembrarvos que, sobre todo se non podedes vir á reunión ou se o tempo se da xuntanza se nos fai pequeno e non dá tempo de dicir todo o que desexariamos,  podedes poñer aquí os vosos comentarios, se o desexades.

Ademais de comentar os dous libros lidos, presentamos a nosa proposta para o que queda deste mes.

Esta vez a proposta é múltiple, pois o próximo día 27 contaremos coa presenza de Pedro Feijoo, co que falaremos un pouco do conxunto da súa obra. 


Como a súa última novela xa a lemos varios de nós o curso pasado, pero non todos, e como tamén hai algunha persoa que lle falta por ler algunha das anteriores, decidimos propoñer que cadaquén escolla a obra ou obras deste autor que mellor lle preste ler.

Vémonos en dúas semaniñas!

PRÓXIMA XUNTANZA: LUNS 27 DE XANEIRO
CON PEDRO FEIJOO




xoves, 9 de xaneiro de 2025

PREPARADOS PARA A TERCEIRA XUNTANZA?

 


Xa estamos de volta! Feliz Ano 2025!

Lembrade que o luns día 13 temos reunión do Club de lectura, na que falaremos dos libros que lemos nas primeiras semanas de decembro e nas vacacións:

Unha lectora fóra do común, de Alan Bennet

e

As alumnas, de Paula Carballeira

ATA SETEMBRO!

  Onte tivemos a nosa última xuntanza deste curso. Acompañounos David Cortizo Nieto, autor de Púrpura Tero Para pechar este curso que dedica...