luns, 27 de xaneiro de 2025

HOXE TIVEMOS VISITA

 Que ben aproveitada a xuntanza de hoxe, na que tivemos a oportunidade de escoitar a Pedro Feijoo e de conversar con el sobre varias das súas obras, o proceso creativo e a súa evolución como autor. Nas redes do IES podedes ver algunha imaxe, e na páxina da biblioteca atoparedes o podcast que gravou a profe Ana 

Falamos da súa última novela, 



pero tamén das primeiras, coas que se deu a coñecer como autor de narrativa de misterio, policial e negra:

  • Os fillos do mar
  • A memoria da choiva
  • Os fillos do lume
  • Un lume azul

da súa obra máis persoal e da máis humorística:

  • Sen piedade
  • Morena, perigosa e románica

e rematou anunciándonos a publicación da seguinte, que aparecerá para maio.

Xa nos tarda!


E como non nos deu tempo de falar das próximas lecturas nin da data da seguinte reunión, aquí vos deixamos a información, que recibiredes tamén por correo electrónico, coma sempre:

Para febreiro tócanos un gran clásico que algúns xa coñemos pero que sempre merece unha relectura e unha reflexión, sobre todo nestes tempos nos que parece que a lectura e o coñecemento perden importancia. Trátase de Fahrenheit 451, de Ray Bradbury, unha distopía na que a lectura e os libros están prohibidos.




Reunirémonos para comentalo o luns 24 de febreiro.






luns, 13 de xaneiro de 2025

NA TERCEIRA XUNTANZA FALAMOS DE...

 Hoxe xuntámonos para comentar as últimas lecturas. Por certo, aproveito para lembrarvos que, sobre todo se non podedes vir á reunión ou se o tempo se da xuntanza se nos fai pequeno e non dá tempo de dicir todo o que desexariamos,  podedes poñer aquí os vosos comentarios, se o desexades.

Ademais de comentar os dous libros lidos, presentamos a nosa proposta para o que queda deste mes.

Esta vez a proposta é múltiple, pois o próximo día 27 contaremos coa presenza de Pedro Feijoo, co que falaremos un pouco do conxunto da súa obra. 


Como a súa última novela xa a lemos varios de nós o curso pasado, pero non todos, e como tamén hai algunha persoa que lle falta por ler algunha das anteriores, decidimos propoñer que cadaquén escolla a obra ou obras deste autor que mellor lle preste ler.

Vémonos en dúas semaniñas!

PRÓXIMA XUNTANZA: LUNS 27 DE XANEIRO
CON PEDRO FEIJOO




xoves, 9 de xaneiro de 2025

PREPARADOS PARA A TERCEIRA XUNTANZA?

 


Xa estamos de volta! Feliz Ano 2025!

Lembrade que o luns día 13 temos reunión do Club de lectura, na que falaremos dos libros que lemos nas primeiras semanas de decembro e nas vacacións:

Unha lectora fóra do común, de Alan Bennet

e

As alumnas, de Paula Carballeira

ATA SETEMBRO!

  Onte tivemos a nosa última xuntanza deste curso. Acompañounos David Cortizo Nieto, autor de Púrpura Tero Para pechar este curso que dedica...