luns, 2 de outubro de 2023

O QUE IMOS LER ESTE MES É...

 Nesta primeira reunión, ademais das presentacións e a cata de galletiñas de benvida, falamos do plan de lecturas que temos para ir comezando o curso.

Faremos un pequeno percorrido polos mundos da novela de misterio, policial ou negra, recuperando algúns dos libros xa clásicos deste xénero, e alternándoos con novidades editoriais.

E como xa vén sendo habitual, tentaremos dar a coñecer autores e autoras da comarca, e as súas obras.

Para este mes comezamos cunha autora das grandes do xénero: Agatha Christie. Escollemos para empezar un libro breve pero intenso: Dez negriños. Vaivos gustar.


Como a edición en galego está esgotada e temos poucos exemplares, acordamos que excepcionalmente podémolo ler tamén en castelán, e de paso comentaremos o asunto do cambio de título nas últimas edicións.



VÉMONOS DE NOVO O DÍA 13 DE NOVEMBRO!

mércores, 27 de setembro de 2023

VÉMONOS O PRÓXIMO LUNS?

PRIMEIRA REUNIÓN DO CLUB LETRAFERIT: LUNS, 2 DE OUTUBRO

Comezamos o mes de outubro e comezamos con el o novo curso do noso club.

Nesta primeira xuntanza presentarémonos e presentarémosvos tamén o plan de lectura para este curso.

Xa sabes: vémonos o luns 4 de outubro, na biblioteca, ás 3 e media, antes das clases da tarde.

Anímate a participar!

luns, 18 de setembro de 2023

IMOS ALÓ!

 Gústache ler? Gústache falar, comentar as túas lecturas, escoitar os comentarios doutras persoas, e recomendar ou suxerir libros ou cómics a outros? 

Gústache ver e comentar películas ou obras de teatro relacionadas coas túas lecturas? 

Gústache coñecer autores e autoras, que nos visiten e falen con nós ou que nos acompañen en rutas literarias? 

Gústache relacionarte con rapaces e rapazas doutros cursos, ou con profesores e profesoras e outras persoas adultas, falando e comentando de igual a igual?

Entón a biblioteca e os seus clubs de lectura estante agardando!


 Podes participar no Club de Lectura Letraferit, que coordina Chus Barbeira, do que poden formar parte todas as persoas -alumnado, profesorado, persoal non docente- que o desexen.

Reunímonos na Biblioteca un luns ao mes, entre as 15:30 e as 16:30 para comentar as nosas lecturas, propoñer outras, ou outras actividades.

Para inscribirte ou para máis información, podes falar coas profesoras Rocío ou Chus B.

Tamén podes participar no Club Akira, de manga, que se reúne nos recreos segundo as convocatorias que vos vaia facendo o profesor Jose de Música, que vai ser o coordinador. 

Podes inscribirte na Biblioteca, usando as follas de inscrición que atoparás alí.

AGARDÁMOSTE!

venres, 16 de xuño de 2023

LEMBRADE QUE O LUNS 19 TEMOS XUNTANZA E VISITA

Non esquezades que o próximo luns temos a nosa última xuntanza deste curso, para comentar a novela Non temerás os coches amarelos, de Marta Villar, e tamén que ese día recibiremos a visita da autora.



Estades tod@s convidad@s!

xoves, 25 de maio de 2023

SICA




 O próximo martes, día 6 de xuño, os membros do Club de Lectura e do Equipo de colaboradores da Biblioteca desprazarémonos á vila de Cee para asistir á proxección da película Sica, que foi rodada en diversos escenarios da nosa costa, e na que participaron como actrices e figurantes varias ex-alumnas e tamén moita rapazada do noso centro.


luns, 17 de abril de 2023

SEXTA XUNTANZA

 

Hoxe reunímonos para comentar a novela Las gratitudes. É desas pequenas xoias que calan e quedan nalgún lugar da memoria.

En moi poucas páxinas, a autora é quen de mostranos o corazón das personaxes: Michka, unha anciá que se aproxima ao final da súa vida á vez que se lle escapan as palabras por unha afasia senil; Marie, a única persoa no seu mundo, unha veciña á que a anciá coidaba de pequeña; e Jérôme, o logopeda que asiste a Minchka cunha tenrura que se palpa en cada diálogo.

Escrita a dúas voces, esta novela convértese nun canto á vellez, unha reflexión amarga sobre o final da vida e un toquiño ás gratitudes pendentes que todos temos. Ademais de un eloxio á palabra.

Non podemos máis que aplaudir esta obra, por decir tanto con tan pouco.

Aproveitamos tamén para falar e recomendar outros libros da autora que algún membros do club leron: Las lealtades, Nada se opone a la noche ou No y yo (baseada neste último título, a responsable da biblioteca e a profesora de francés lémbrannos que tamén temos á nosa disposición a película de 2010, así como a novela na súa versión orixinal en francés)



Así mesmo, falamos doutros cuxa temática é semellante á de Las gratitudes: Arte ou Felices los infelices, de Yasmina Reza.



Vémonos o 19 de xuño para rematar por este curso as actividades do club e falar de Non temerás os coches amarelos, a primeira novela da malpicana Marta Villar.

venres, 31 de marzo de 2023

VÉMONOS Á VOLTA DAS VACACIÓNS

 Lembrade que o luns 17 temos a nosa vindeira xuntanza.

Que teñades unhas boas vacacións e felices lecturas!




luns, 13 de marzo de 2023

QUINTA XUNTANZA

 

A novela que nos reúne hoxe, O home que matou a Antía Morgade, é o último libro que conforma a triloxía negra de Arantza Portables.

En xeral, concluímos que foi o que menos nos gustou dos tres porque, aínda que é bastante adictivo, é pouco sorprendente e vai perdendo forza.

A novela é autoconclusiva e pode lerse dexeito independente, pero opinamos que é mellor seguir unha orde para entender mellor os sucesos e coñecer máis en profundidade aos personaxes. Por iso aconsellamos ler primeiro Beleza Vermella, logo A vida secreta de Úrsula Bás e, para rematar, este.

O estilo característico de Arantza Portables é evidente nesta novela, pero quedamos coa Portables máis intimista. Ela mesma dixo nunha entrevista: “teño que volver escribir como o fixen en Deixe a súa mensaxe despois do sinal”.

 


A seguinte lectura será Las gratitudes, da francesa Delphine de Vigan. Falaremos dela o 17 de abril.

venres, 10 de marzo de 2023

luns, 13 de febreiro de 2023

CUARTA XUNTANZA

 

Deixe a súa mensaxe despois do sinal é unha novela que moitos coñeciamos, pero que non todos leramos. Por iso decidimos que fose a nosa terceira proposta.

Nesta novela atopamos capítulos que van ir intercalando a vida de catro mulleres: Marina, Carmela, Sara e Viviana, para tecer a súa historia. Aparentemente non se coñecen de nada, pero acaban compartindo moito máis do que podemos imaxinar e invítannos a reflexionar arredor de que dor pode ser peor á vez que se van entretecendo fíos que dan paso a un porvir de esperanza.

É unha obra que aborda moi diferentes temáticas, e iso deu lugar a un debate sobre as tecnoloxías e novas formas de comunicarse, a saúde mental ou sobre a trata de mulleres.

Relacionado con isto, propuxemos e comentamos outras obras como A dúbida (M. Reimondez).




Quedamos con ganas de ler máis de Arantza Portables, por iso para a próxima xuntanza imos ler o último libro desta autora: O home que matou a Antía Morgade.


martes, 17 de xaneiro de 2023

LEMBRA QUE NOS REUNIMOS O 13 DE FEBREIRO

 Lembra que acordamos non celebrar a xuntanza correspondente ao mes de xaneiro para non interferir con probas de recuperación e outras actividades programadas no centro. Así que xa sabes, ata dentro dun mes temos tempo para ler.

Pero non te despistes, que o tempo logo pasa!


NON FALTES!


O QUE IMOS LER ESTE MES É...

  Nesta primeira reunión, ademais das presentacións e a cata de galletiñas de benvida, falamos do plan de lecturas que temos para ir comezan...