martes, 14 de decembro de 2021

NA REUNIÓN DE ONTE FALAMOS DE...

 ...Un pouco de todo, como case sempre.

Despois de lamentar e desculpar a ausencia das persoas que non puideron asistir, empezamos comentando os libros que cada un leu ou está a ler.

Neste capítulo hai de todo, como case sempre tamén, e como ten que ser:

Hai persoas que seguiron as suxestións do noso itinerario lector -grandes viaxes-, entre as cales están 

    Marina, con Os nenos da varíola (María Solar)

    Ana, con El médico, que non estaba proposto no tríptico (non cabe todo) pero efectivamente nesta novela nárrase un gran periplo atravesando Europa e parte de Asia e, como gran novela que é, sempre merece unha relectura.

    Paula e Daniel, con Se o vello Simbad volvese ás illas (Cunqueiro)



Hai tamén quen preferiu outras temáticas, ou ben por ter lido xa os títulos propostos inicialmente no itinerario lector, por propostas xurdidas na reunión anterior, ou simplemente polas súas propias prefefencias e gustos. Isto apórtanos un plus de variedade á hora de comentar e suxerir lecturas máis diversas. Entre estas lectoras e lectores temos:

Antón con Izan o da saca (Xavier Quiroga)

Sergio con Desayuno con partículas (Sonia Fernández Vidal)

Soraya, con Golpes de luz (Ledicia Costas)

Chus, con Los vercejos (Fernando Aramburu)


Despois dos correspondentes comentarios, pasamos ao capítulo de propostas/propósitos de lectura para  as próximas semanas. 

Aquí xurdiron varias que iremos atendendo pouco a pouco, e que cada un/unha de nós iremos seleccionando e lendo ao noso ritmo.

Por exemplo:

Antón recomenda No me tapes el sol. Cómo ser un cínico de los buenos, de Eduardo Infante. Aproveita tamén para recomendarnos un programa de radio (RNE), Sapiens, aínda que lle vemos un pequeno inconveniente: que se emite ás 5 da mañá. Pero terémolo en conta para as noites de insomnio.

Sergio recomenda La puerta de los tres cerrojos, tamén de Fernández-Vidal

Paula propón El hogar de Miss Peregrine para niños peculiares, de Ramson Rigss, no que se basea a famosa película, e unha novela xuvenil: Al final mueren los dos/No final morren os dois, de Adam Silveira.

A proposta de Soraya é Cuaderno de urgencias, de Teresa Constenla.

E a de Chus, un libro de divulgación científica disfrazada de narrativa: a última publicación de Juan José Millas e Juan Luis Arsuaga: La vida contada por un sapiens a un neandertal. 




Cada un e cada unha de nós irá escollendo a súa lectura, e xa iremos falando e opinando sobre elas, ou ben aquí nos comentarios deste blog, ou na próxima reunión que será en xaneiro.

domingo, 12 de decembro de 2021

SEGUNDA REUNIÓN DO CLUB DE LECTURA

 Lembrade que mañá luns temos a reunión do noso Club, coma sempre na Biblioteca, ás 15:30.

Tal como acordaramos, esta vez xuntamos a reunión de novembro e a de decembro nunha soa, pois co adianto das avaliacións coincidía o último luns de novembro coa semana de exames, decidimos facer unha única sesión agora antes do Nadal.

Nesta reunión comentaremos os libros lidos neste trimestre, e faremos propostas de lectura para o Nadal e tamén para o mes seguinte.

Vémonos mañá!

LEMBRADE QUE O LUNS 19 TEMOS XUNTANZA E VISITA

Non esquezades que o próximo luns temos a nosa última xuntanza deste curso, para comentar a novela Non temerás os coches amarelos, de Marta ...