xoves, 23 de xuño de 2022

E NO VERÁN QUE IMOS FACER?

 O verán é longo e hai tempo para todo. Tamén para ler. O equipo da Biblioteca déixanos unhas recomendacións moi  variadas, para que poidamos escoller.


Boa lectura e bo verán!



mércores, 22 de xuño de 2022

REMATAMOS

 

   

Velaquí  a ilustración que nos deixou o debuxante Luís Caruncho como agasallo para a nosa Biblioteca, que por fin enmarcamos e colgamos xunto co debuxo orixinal do ilustrador Xosé Cobas que nos agasallara o pasado curso M. Iglesias Turnes, despois da ruta literaria polos escenarios da novela As rapazas de Xan.


Con moita présa e de xeito moi informal, todo motivado polo estrés dos últimos días de clase, este luns celebramos a nosa última reunión.

Nela, como é habitual, fixemos un pequeno repaso polo funcionamento e a marcha do club ao longo do curso. 

A valoración por parte dos membros do club foi en xeral positiva. Salientouse especialmente a variedade de propostas que foron saíndo á marxe das propostas "oficiais" iniciais. O grupo é consciente da importancia do itinerario lector como  punto de partida, e tamén como excusa para volver a retomar lecturas xa clásicas ou editadas hai tempo, evitando a tendencia a ir sempre buscando as novidades editoriais. Non obstante, valoramos positivamente o feito de que se permita e se favoreza a variedade de propostas, tanto en canto a xéneros como en formatos e temáticas moi diversas.

Propoñemos continuar na mesma liña o próximo curso.

En canto á sección do club de cómic manga AKIRA, que se reúne tamén mensualmente pero durante os recreos, polo que non asisten a esta reunión, a través do seu coordinador e de conversas informais cos seus membros, coñecemos tamén a súa valoración, que é moi positiva, tanto en canto aos contidos que foron lendo ao longo do curso como ao sistema de suxestións e comentarios proposto polo coordinador. Para o próximo curso esperan continuar na mesma liña, e seguramente seguir incrementando o número de persoas participantes. Aquí tedes unha imaxe dunha das últimas reunións do coordinador, Antón Riveiro, con alumnado dun dos grupos da ESO


Finalmente, rematamos a reunión recollendo as propostas de novas lecturas dos distintos membros asistentes, das cales a coordinadora do club e da biblioteca seleccionará as que tiveron máis apoios para incluílas no boletín de propostas de lecturas para o verán. 

Estade atentos, porque proximamente publicaremos nos blogs da biblioteca e do club de lectura, así como na páxina do IES, o noso boletín de lecturas para as vacacións

Bo verán e boas lecturas!

martes, 7 de xuño de 2022

PECHAMOS O CICLO DE VISITAS DE ESCRITORES

 



Onte recibimos o último dos autores cos que tiñamos unha importante cita este curso, e con esta visita pechamos o ciclo de encontros con escritores e escritoras para este curso.

O último autor que nos visitou foi Manuel Iglesias Turnes, que mantivo unha charla moi animada e interesante con varios dos membros do club de lectura (non todos pois, lamentablemente, estamos en plena semana de avaliacións e non todo o mundo puido achegarse a esta penúltima reunión do club.

Déixovos unha ligazón para que poidades ver, no blog xeral da biblioteca, a entrada coa que resumimos este encontro.

https://bibliosoneira-blogueira.blogspot.com/2022/06/e-o-ultimo-escritor-que-nos-visitou.html

Só queda engadir que Iglesias Turnes foi, xunto con Arantza Portabales, o autor máis lido este ano no noso club.

Parabéns e grazas a eles e a todos os lectores e lectoras que gozaron coa lectura das súas obras, e as que virán!

LEMBRADE QUE O LUNS 19 TEMOS XUNTANZA E VISITA

Non esquezades que o próximo luns temos a nosa última xuntanza deste curso, para comentar a novela Non temerás os coches amarelos, de Marta ...