mércores, 30 de novembro de 2016

Reunión do 28 de novembro de 2016: primeiras valoracións

Na reunión do luns 28 de novembro tiveron lugar as primeiras valoracións das obras escollidas como propostas de lectura para este curso por parte daqueles membros que xa leron algunha delas.

De Jules Verne e a vida secretas das mullleres planta saliéntase a recreación da figura do escritor francés, quizais o aspecto máis atractivo para varios dos lectores, como os profesores Joaquín García. e Teresa Araújo. A que se sinalou como 2ª característica máis importante foi a recreación do pasado da cidade de Vigo. Neste sentido, as profesoras Marina Rial e Mª Jesús Barbeira puxeron esta obra en relación con outras como Os fillos do mar, de Pedro Feijoo e ou Cabalos e lobos, de Fran P. Lorenzo.



Para lectores como Balbina Rodríguez ou a profesor José M. Pérez, o máis interesante d'O anxo negro é a trama arredor da desaparición da imaxe e a recreación dos episodios do pasado recente da parroquia, non tanto os do pasado máis afastado que, na súa opinión, enlean un tanto a historia.




Por último, en relación con El desorden que dejas, a profesora Raquel Sabín cre que hai aspectos da historia moi destacables como a ambientación ou algún dos personaxes secundarios da trama pero que hai aspectos da trama principal (como o pasado da profesora falecida) que lle parecen un tanto esaxerados. Neste aspecto concordan alumnos como David Roget.



Por último, a coordinadora anuncia a publicación do 1º libro de Natalia Lema, alumna do IES Terra de Soneira e membro deste Club: Baos, 






e que na vindeira reunión do Club, convocada  para o luns 16 de xaneiro de 2017, Natalia Lema nos presentará a súa obra e explicará as circunstancias da súa publicación. Na mesma reunión, os profesores falaremos do roteiro literario sobre O anxo negro (que terá lugar o sábado 14 de xaneiro).

Sobre a traxectoria literaria de Natalia Lema, pódese consultar:

 http://www.adiantegalicia.es/cultura/2016/09/22/natalia-lema-seleccionada-en-dos-antologias-nacionales-de-relato.html

Reunión inaugural do curso 2016-2017 do Club de Lectura Letraferit Soneira


O pasado 17 de outubro, no noso horario habitual (3.30-4.30) tivo lugar a reunión inaugural deste curso coa presentación dos membros do Club e coa escolla das primeiras lecturas.

Neste curso o Club chega ao 27 membros, 9 profesores e 18 alumnos. Dos 9 profesores, 6 xa pertencían ao Club (Mª Jesús Barbeira, Ana Penedo, Isabel Regueiro, Marina Rial, Rocío Romero e a coordinadora) e os outros 3 son novas incorporacións: Joaquín García e José Manuel Pérez, do Departamento de Matemáticas, e Raquel Sabín, do Departamento de Administración.
Entre o alumnado, permanecen de cursos anteriores 9 alumnos: Alberto Miranda, Marco Santos, Alberto Andújar e Balbina Rodríguez (agora en 3º da ESO); Eva Olveira e Nerea Rial (agora en 4º da ESO), Gala Cernadas e Nuria Agra (agora en 1º de Bach) e Natalia lema (agora en 2º de CMXA) e incorpóranse outros 9: Yanira Gándara, Martín Pose, Diego Vázquez, Fátima Andrade, Daniel Arias, Austin Landeira e David Roget (3º da ESO) e Jonatan Costa e Nerea Villar de 1º de Bach.

Para iniciar este curso a Coordinadora presentou, como vén sendo habitual, varias propostas de lectura á consideración dos membros do Club e estas foron as escollidas:




Jules Verne e a vida secretas das mulleres planta (premer no enlace para ver a ficha do libro en Xerais), a nova creación de Ledicia Costas e Premio Lazarillo de Creación literaria 2015. Os motivos da escolla están na recreación da figura do escritor francés e na contribución á propia historia da cidade de Vigo.



El desorden que dejas, do escritor de Celanova Carlos Montero, obtivo o Premio Primavera de novela 2016 (premendo no título, enlácese coa ficha do libro na editorial que permite ler o 1º capítulo). Trátase dunha novela ambientada na localidade ficcional de Novariz onde unha profesora substituta debe enfrontarse aos segredos da profesora á que substitúe.



O anxo negro, de Manuel Gago xa foi presentada pola coordinadora na última reunión do curso pasado como unha das posibles propostas de lectura para este curso (premendo no enlace, está a ficha do libro en Xerais). Trátase dunha novela ambientada na Costa da Morte que mestura a recreacion histórica coa investigación case detectivesca sobre a desaparición dunha escultura relixiosa.

En relación con este libro, a Coordinadora manifestou a intención de conseguir que o escritor acuda ao centro educativo para manter un encontro cos membros do Club no 2º trimestre do curso e tamén informou aos profesores membros do Club da existencia dun roteiro literario sobre este mesmo libro ofrecido polo CAFI e que terá lugar no mes de xaneiro. Neste sentido, 7 dos 9 membros do profesorado imos solicitar este roteiro na plataforma de formación.
A coordinadora recomendou tamén a visita á páxina web http://manuelgago.org/oanxonegro/, onde se pode visionar un trailer case cinematográfico desta obra e información sobre a mesma e sobre o seu autor.

A vindeira reunión do Club terá lugar o luns 21 ou 28 de novembro.

LEMBRADE QUE O LUNS 19 TEMOS XUNTANZA E VISITA

Non esquezades que o próximo luns temos a nosa última xuntanza deste curso, para comentar a novela Non temerás os coches amarelos, de Marta ...