luns, 27 de xaneiro de 2025

HOXE TIVEMOS VISITA

 Que ben aproveitada a xuntanza de hoxe, na que tivemos a oportunidade de escoitar a Pedro Feijoo e de conversar con el sobre varias das súas obras, o proceso creativo e a súa evolución como autor. Nas redes do IES podedes ver algunha imaxe, e na páxina da biblioteca atoparedes o podcast que gravou a profe Ana 

Falamos da súa última novela, 



pero tamén das primeiras, coas que se deu a coñecer como autor de narrativa de misterio, policial e negra:

  • Os fillos do mar
  • A memoria da choiva
  • Os fillos do lume
  • Un lume azul

da súa obra máis persoal e da máis humorística:

  • Sen piedade
  • Morena, perigosa e románica

e rematou anunciándonos a publicación da seguinte, que aparecerá para maio.

Xa nos tarda!


E como non nos deu tempo de falar das próximas lecturas nin da data da seguinte reunión, aquí vos deixamos a información, que recibiredes tamén por correo electrónico, coma sempre:

Para febreiro tócanos un gran clásico que algúns xa coñemos pero que sempre merece unha relectura e unha reflexión, sobre todo nestes tempos nos que parece que a lectura e o coñecemento perden importancia. Trátase de Fahrenheit 451, de Ray Bradbury, unha distopía na que a lectura e os libros están prohibidos.




Reunirémonos para comentalo o luns 24 de febreiro.






luns, 13 de xaneiro de 2025

NA TERCEIRA XUNTANZA FALAMOS DE...

 Hoxe xuntámonos para comentar as últimas lecturas. Por certo, aproveito para lembrarvos que, sobre todo se non podedes vir á reunión ou se o tempo se da xuntanza se nos fai pequeno e non dá tempo de dicir todo o que desexariamos,  podedes poñer aquí os vosos comentarios, se o desexades.

Ademais de comentar os dous libros lidos, presentamos a nosa proposta para o que queda deste mes.

Esta vez a proposta é múltiple, pois o próximo día 27 contaremos coa presenza de Pedro Feijoo, co que falaremos un pouco do conxunto da súa obra. 


Como a súa última novela xa a lemos varios de nós o curso pasado, pero non todos, e como tamén hai algunha persoa que lle falta por ler algunha das anteriores, decidimos propoñer que cadaquén escolla a obra ou obras deste autor que mellor lle preste ler.

Vémonos en dúas semaniñas!

PRÓXIMA XUNTANZA: LUNS 27 DE XANEIRO
CON PEDRO FEIJOO




xoves, 9 de xaneiro de 2025

PREPARADOS PARA A TERCEIRA XUNTANZA?

 


Xa estamos de volta! Feliz Ano 2025!

Lembrade que o luns día 13 temos reunión do Club de lectura, na que falaremos dos libros que lemos nas primeiras semanas de decembro e nas vacacións:

Unha lectora fóra do común, de Alan Bennet

e

As alumnas, de Paula Carballeira

luns, 25 de novembro de 2024

ASÍ FOI A NOSA SEGUNDA XUNTANZA

 Esta tarde celebramos a nosa xuntanza de novembro, na que comentamos o libro proposto e tamén tivemos un pequeno coloquio sobre a película que a maioría de nós vimos.

Tanto o libro como a película tiveron moito éxito. Varios de nós xa o leramos e, despois da relectura, estivemos de acordo en que é desas novelas que resisten o paso do tempo.



Nos últimos minutos, como é habitual, presentamos a proposta da seguinte lectura.

Como o próximo mes de decembro hai avaliacións e polo tanto pouco tempo para ler e mesmo para reunións, acordamos deixar a seguinte reunión para a volta das vacacións de Nadal, así que:

Reunirémonos de novo o día 13 de xaneiro.

Pero como temos por diante todo o mes de decembro, e as dúas semanas de vacacións, e polo tanto algo máis de tempo propoñemos dous libros:

  • Unha novela que segue a plan de lectura proposto, pois trata da lectura e a transformación que pode facer nunha persoa, unha lectora que, efectivamente, é moi pouco común, pois trátase nada máis e nada menos que dunha raíña: 


  • E para saír un pouco do tema, e ao mesmo tempo ler algo que non sexa sempre narrativa, propoñémosvos unha pequena obra de teatro dunha autora actual e galega, moi coñecida por todos, como é Paula Carballeira. A obra fálanos da figura dun personaxe histórico, a mestra María Barbeiro, a través das lembranzas de dúas das súas antigas alumnas:

Moitos e moitas de vós xa coñecedes esta obra, pois puidestes asistir á súa representación no Auditorio municipal o curso pasado.

Este ano intentaremos organizar un encontro coa súa autora, se ela pode visitarnos. 

Boas lecturas e bo Nadal!!!




xoves, 21 de novembro de 2024

LEMBRADE QUE O LUNS TEMOS REUNIÓN!

 Collemos prestado este debuxo de Miguelanxo Prado...


 ... para lembrarvos que o próximo luns, día 25, teremos a nosa xuntanza mensual do Club de Lectura.

Non faltedes!!!

luns, 28 de outubro de 2024

PRIMEIRA REUNIÓN E PROPOSTA DE LECTURA PARA A SEGUNDA

 Como anunciabamos no post anterior, hoxe reunímonos pro primeira vez neste curso todos os membros do club Letraferit.

Despois de dar a coñecer o noso itinerario lector para este curso, e comentalo un pouco entre todos, propuxemos o libro que comentaremos na próxima reunión.

Trátase dun clásico: A sociedade literaria e do pastel de pel de pataca de Guernsey, de Mary Ann Shaffer e Annie Barrows. 

Desta novela fíxose unha película, dirixida por Mike Newel, que podedes ver en varias plataformas, ou levar en préstamo da nosa biblioteca. 



Se podedes, lede o libro e vede tamén a película, para que poidamos comentar ambas versións o próximo día.

Por certo, a seguinte xuntanza será o luns, 25 de novembro.

Boas lecturas!

luns, 30 de setembro de 2024

PRESENTACIÓN E OUTRAS COUSIÑAS

 PREPARAD@S?

O próximo día 28 de outubro celebraremos a primeira reunión dos noso Club Letraferit.
Nela presentarémonos e proporemos a lectura para o próximo mes.

Como avance do noso itinerario lector para este ano, aquí vos deixamos algo de información: 

Este curso o noso eixo condutor será "Libros que falan de libros". Tedes nun dos expositores da biblioteca unha selección de títulos sobre esta temática: os libros, a lectura, as librarías, as bibliotecas... Coma estes e outros que vos iremos presentando:

 

 
              


    


Entre estes títulos e moitos outros iremos escollendo as nosas lecturas deste curso. Pero coma sempre, e para non saturarnos co mesmo tema, intercalaremos outras propostas, para ir coñecendo tamén algunhas novidades editoriais, ou obras de autores da zona, e tamén outros que nos poidan visitar.

Aproveitamos para lembrarvos tamén que desde esta semana a biblioteca estará aberta para os préstamos que precisedes. E sempre tedes tamén á vosa disposición a biblioteca virtual Bega-Elbe 2. Se non tedes as credenciais, ou se as esquecestes, pasade pola biblioteca para que vos asignemos outras.



ATA SETEMBRO!

  Onte tivemos a nosa última xuntanza deste curso. Acompañounos David Cortizo Nieto, autor de Púrpura Tero Para pechar este curso que dedica...