O pasado 17 de outubro, no noso horario habitual (3.30-4.30) tivo lugar a reunión inaugural deste curso coa presentación dos membros do Club e coa escolla das primeiras lecturas.
Neste curso o Club chega ao 27 membros, 9 profesores e 18 alumnos. Dos 9 profesores, 6 xa pertencían ao Club (Mª Jesús Barbeira, Ana Penedo, Isabel Regueiro, Marina Rial, Rocío Romero e a coordinadora) e os outros 3 son novas incorporacións: Joaquín García e José Manuel Pérez, do Departamento de Matemáticas, e Raquel Sabín, do Departamento de Administración.
Entre o alumnado, permanecen de cursos anteriores 9 alumnos: Alberto Miranda, Marco Santos, Alberto Andújar e Balbina Rodríguez (agora en 3º da ESO); Eva Olveira e Nerea Rial (agora en 4º da ESO), Gala Cernadas e Nuria Agra (agora en 1º de Bach) e Natalia lema (agora en 2º de CMXA) e incorpóranse outros 9: Yanira Gándara, Martín Pose, Diego Vázquez, Fátima Andrade, Daniel Arias, Austin Landeira e David Roget (3º da ESO) e Jonatan Costa e Nerea Villar de 1º de Bach.
Para iniciar este curso a Coordinadora presentou, como vén sendo habitual, varias propostas de lectura á consideración dos membros do Club e estas foron as escollidas:
Jules Verne e a vida secretas das mulleres planta (premer no enlace para ver a ficha do libro en Xerais), a nova creación de Ledicia Costas e Premio Lazarillo de Creación literaria 2015. Os motivos da escolla están na recreación da figura do escritor francés e na contribución á propia historia da cidade de Vigo.
El desorden que dejas, do escritor de Celanova Carlos Montero, obtivo o Premio Primavera de novela 2016 (premendo no título, enlácese coa ficha do libro na editorial que permite ler o 1º capítulo). Trátase dunha novela ambientada na localidade ficcional de Novariz onde unha profesora substituta debe enfrontarse aos segredos da profesora á que substitúe.
O anxo negro, de Manuel Gago xa foi presentada pola coordinadora na última reunión do curso pasado como unha das posibles propostas de lectura para este curso (premendo no enlace, está a ficha do libro en Xerais). Trátase dunha novela ambientada na Costa da Morte que mestura a recreacion histórica coa investigación case detectivesca sobre a desaparición dunha escultura relixiosa.
En relación con este libro, a Coordinadora manifestou a intención de conseguir que o escritor acuda ao centro educativo para manter un encontro cos membros do Club no 2º trimestre do curso e tamén informou aos profesores membros do Club da existencia dun roteiro literario sobre este mesmo libro ofrecido polo CAFI e que terá lugar no mes de xaneiro. Neste sentido, 7 dos 9 membros do profesorado imos solicitar este roteiro na plataforma de formación.
A coordinadora recomendou tamén a visita á páxina web http://manuelgago.org/oanxonegro/, onde se pode visionar un trailer case cinematográfico desta obra e información sobre a mesma e sobre o seu autor.
A vindeira reunión do Club terá lugar o luns 21 ou 28 de novembro.
Ningún comentario:
Publicar un comentario