Empezamos por 'El cuento de la criada', escollido como 1ª opción por varios profesores e alumnos.
As alumnas Natalia ou Balbina destacaron a maneira de narrar da autora e como todo o que se explica parece perfectamente posible. Balbina sinalou que o que se conta no libro xa ten pasado con anterioridade e segue pasando na actualidade, que non é necesario pensar nun futuro posible.
Os profesores José Manuel e Rocío centráronse máis na estrutura narrativa que, para eles, divide a obra en dúas partes, unha primeira máis centrada nos pensamentos da narradora e outra na que ela deixa de ser observadora para se converter en motor de cambio dos acontecementos. Neste sentido, José Manuel destacou as similitudes e tamén as diferenzas coa serie de televisión baseada nesta novela, explicando como esta dupla estrutura narrativa se reflicte visualmente: na serie ao principio só "oímos" os pensamentos da narradora e logo pasamos a escoitar tamén a súa voz.
Nesta liña, a coordinadora do Club sinala que sería moi interesante dedicar unha das reunións ao visionado do 1º episodio da serie de televisión e acórdase facelo á volta das vacacións de Nadal.
A 2ª parte da reunión dedicouse a analizar 'As horas roubadas', tamén escollida por profesores e alumnos.
Os alumnos Gala e Alberto destacaron a axeitada recreación dunha época que só coñecían a través de series de televisión ou das lembranzas dos seus propios pais.
Neste sentido, as profesoras Mª Jesús Barbeira, Isabel, Ana Vázquez e Rosa coincidiron coas impresións do alumnado pero sinalaron outros aspectos como a dupla historia amorosa (a dos avós no pasado e a do neto no presente) ou o tratamento da violencia no seo da familia, como outras liñas argumentais moi interesantes.
Ningún comentario:
Publicar un comentario