domingo, 10 de marzo de 2019

Reunións do Club de lectura Letraferit no 2º trimestre

A 4ª reunión co curso tivo lugar o luns 28 de xaneiro no horario habitual (3.30-4.30). Neste reunión realizouse a valoración final das 2 obras de lectura propostas: os que leron ambas propostas destaca especialmente que a través da lectura puideron coñecer episodios do noso pasado recente e relacionados coa Guerra Civil e a posguerra españolas, episodios pouco coñecidos pola maioría e que, no caso do detallado por Manuel Gago, implicaban a Galicia directamente. Trátase de 2 autores moi do gusto deste Club de lectura, nos dous casos levamos xa 2 obras lidas de cada autor e a maioría manifesta que pensa continuar lendo a estes autores...


A 2ª parte da reunión estivo destinada á presentación das lecturas do 2º cuadrimestre: a profesora Mª Jesús Barbeira, membro do Club e coordinadora do Club Hora de lectura, realizou a presentación da 1ª das propostas: Zapatillas rotas (Xerais, 2014) de Xabier Quiroga. Deste autor leramos o curso pasado Izan o da saca e supuxo un verdadeiro descubrimento para a moitos membros do Club, polo que esta escolla vén directamente das súas peticións. Para a nosa compañeira Chus é un texto singular, que nos vai descubrir unha historia moi reveladora do funcionamento do mundo de hoxe en día... e non quixo contarnos máis!... Por outra parte, a lectura deste libro está facilitada por atoparse no catálogo da plataforma ELBE2 á que pertencemos.


A 2ª das propostas de lectura foi realizada pola Coordinadora do Club e, como a anterior, obedece tamén ás suxestións de lectura dos membros do propio Club, concretamente de Gala Cernadas, que foi membro do Club ata o curso pasado que rematou os seus estudos no centro. Trátase dos 2 volumes de Jacqueline Kelly sobre o personaxe de Calpurnia Tate: A evolución de Calpurnia Tate (ed. orix. inglés 2009; trad. cast. 2011 e trad. gal. 2018)
 


e O curioso mundo de Calpurnia Tate (ed. orix. inglés, 2015; trad. cast 2017 e trad. gal. 2018).



A Coordinadora indica que se trata dunha novela de protagonista xuvenil que presenta o espertar dunha nena do Texas de 1899 á exploración do mundo que a rodea da man do seu avó e do libro de Charles Darwin, pero tamén ao que supón para ela ser unha nena e non un neno.

Despois da escolla das lecturas poles membros do Club, rematou a reunión. Fotos desta reunión:

 



O luns 25 de febreiro tivo lugar a 5ª reunión do curso e nela fixéronse as primeiras valoracións (moi positivas) das lecturas do cuadrimestre. Aquí quedan unhas fotos:





O luns 25 de marzo tivo lugar a 6ª reunión do curso na que os membros do Club presentaron as súas valoracións (finais en varios casos) das lecturas recomendadas e se fixeron algunhas recomendacións lectoras por parte dos membros do Club. O 1º libro de Calpurnia xa foi lido pola maioría de membros do Club que xa empezaron ademais o 2º libro. Desta lectura destácase a construción da personaxe principal, a súa relación co avó e o achegamento de ambos á natureza e á sociedade que os rodea.



Do libro de Xabier Quiroga destácase especialmente a construción da trama e a coidada recreación dos episodios do pasado que afectan directamente á acción do presente. Tamén foi valorada a lectura realizada na plataforma ELBE.2 por parte dos membros do Club xa que a maioría utilizou este sistema de lectura. Para todos foi unha experiencia positiva e cómoda, aínda que os alumnos destacaron que sería interesante aumentar o tempo de préstamo (de 15 a 21 días, por exemplo).



Polo que respecta ás propostas de lectura realizadas, Mª Jesús Barbeira recomendounos 'Tardes con Margueritte' (trad. ao cast. 2011; trad. ao gal. 2016), publicada orixinalmente en francés: 'La tête en friche' (2009) de Marie-Sabine Roger, e da que tamén existe adaptación cinematográfica (2010). Para a nosa compañeira sería unha proposta de lectura moi interesante para o curso que vén e que podería ser compartida por varios clubs de lectura do centro ao existir versións en galego, francés e castelán.






Aquí quedan varias fotos dese día:









mércores, 6 de marzo de 2019

Reunións do club de lectura Hora de lectura no 1º cuadrimestre

O luns 22 de outubro no seu horario habitual (3.30-4.30) comezaron as actividades do Club de lectura Hora de Lectura, un club de lectura en lingua galega destinado ao alumnado de 1º da ESO e coordinado pola profesora Mª Jesús Barbeira (membro tamén do Equipo da Biblioteca) dende hai 5 anos.
Nesta 1ª reunión explicóuselles aos participantes (18 alumnos, 12 rapazas e 6 rapaces) o funcionamento do Club de lectura e presentáronse as lecturas do 1º cuadrimestre: Escarlatina, a cociñeira defunta (2014) e/ou Esmeraldina, a pequena defunta (2016) ambas de Ledicia Costas.




As seguintes reunión tiveron lugar os días 12 de novembro, 10 de decembro e 21 de xaneiro e nelas comentáronse as obras. Aquí deixamos unhas fotos dar reunión do 10 de decembro e do 21 de xaneiro:




Como xa vén ocorrendo dende hai varios anos, a finalización das actividades vinculadas a esta obra foi o concurso "Cociñeiros/as do Inframundo": o alumnado do Club de lectura e de 1º da ESO (que teñen estas obras como lecturas voluntarias) participa nun concurso no que hai que entregar unha sobremesa terrorífica (individualmente ou por parellas), acompañado dunha receita. A degustación tivo lugar o luns 4 de febreiro e nela participou todo o alumnado de 1º da ESO que votou á mellor sobremesa. Houbo premio e accésit para cada clase de 1º (pola elevada participación), unha camiseta, e un premio sorpresa: o libro Os arquivos secretos de Escarlatina (2017) de Ledicia Costas entrégouse á mellor receita terrorífica.



Pódense ver as fotos das sobremesas, degustación e entrega de premios nesta ligazon.ou na páxina web do IES Terra de Soneira. Aquí están os Mellores Chefs do Inframundo 2019!



martes, 5 de marzo de 2019

Reunións do club de lectura de portugués no 1º cuadrimestre

O luns 22 de outubro no 1º recreo tivo lugar a 1ª reunión do Club de lectura de portugués, formada por 5 alumnos (3 rapazas e 2 rapaces) de 2º e 4º da ESO e coordinados pola profesora de Portugués e coordinadora da Biblioteca, Teresa Araújo. Trátase dun novo Club de lectura posto en marcha este curso e que pretende combinar o gusto pola lectura co afondamento nas segundas linguas estranxeiras que se imparten no noso IES
Nesta 1º reunión explicóuselles aos alumnos o funcionamento do Club de lectura e presentouse a lectura do 1º trimestre: Harry Potter e a câmara dos segredos, de J. K. Rowling, escollida polo propio alumnado. Véxanse as 2 edicións manexadas:





 
O resto das reunións tiveron lugar, sempre no 1º recreo, o luns 12 de novembro (cap. 1-3), o mércores 28 de novembro (cap. 4-8)
Foto da reunión do 28 de novembro:.


A 4º reunión tivo lugar o mércores 23 de xaneiro (cap. 9-12) e a 5º reunión tivo lugar o mércores 6 de febrero. Nela analizáronse os últimos capítulos do libro e repartiuse o libro do 2º cuadrimestre: Harry Potter e o prisioneiro de Azkabán, de J. K. Rowling.


Imaxes das 2 edicións manexadas:


 
 

Reunións dos Clubs de lectura de francés do 1º trimestre

O luns 15 de outubro de 2018 no 1º e no 2º recreo, respectivamente, tiveron lugar as reunións iniciais dos clubs de lectura de francés de 4º da ESO e de 1º de Bach que se inauguran este curso. Ambos están coordinados pola profesora de Francés do IES, Rocío Romero, membro tamén do Equipo da Biblioteca, e o seu obxectivo é combinar o gusto pola lectura co afondamento nas segundas linguas tranxeiras que se imparten no noso IES
Nesta primeira reunión explicóuselles aos participantes o funcionamento do Club e as lecturas previstas para cada grupo.
O grupo de 4º da ESO está formado por 9 alumnos (6 rapazas e 3 rapaces) e a lectura prevista é: La Veste noire, de Evelyne Wilwerth.


O grupo de 1º de Bach está formado por 16 alumnos (9 rapazas e 7 rapaces) e a lectura prevista é: Le coeur entre les dents, de Monique Ponty.


A 2ª reunión dos dous clubs foi o  venres 16 de novembro nos 2 recreos e a 3ª e última reunión de cada grupo foi o mércores 17 (para 1º de BAC):



e o venres 19 de decembro (para 4º da ESO):


Reunións do Club de lectura Letraferit no 1º trimestre

O luns 15 de outubro de 2018 reunímonos na Biblioteca, no horario habitual (3.30-4.30), para a constitución do Club de lectura máis veterán do noso centro (este é o 7º curso!) e a presentación das lecturas do 1º cuadrimestre. Este curso o Club está formado por 6 alumnos de 3º da ESO, 1º de Bach e 2º de CSXA (que xa formaran parte en anos anteriores), 7  membros do profesorado (só 1 deles de nova incorporación) e 1 membro do Personal de Administración e Servizos (de nova incorporación); en total 11 mulleres e 3 homes (2 profesores e 1 alumno), coordinados pola profesora Teresa Araújo, coordinadora tamén do Equipo da Biblioteca.

As lecturas propostas para o 1º cuadrimestre son as seguintes:
-O exército do fume (2018), de Manuel Gago. A coordinadora fai una presentación da obra e pona en relación  coa obra anterior do autor,



O Anxo negro, tamén lida polos membros deste Club e da que varios fixeron o seu roteiro.

- A coordinadora explica que o Departamento de Lingua Galega e a Biblioteca están a desenvolver un itinerario lector relacionado cos piratas na literatura galega, e ofrece a posibilidade de ler 2 títulos dese itinerario: Costa do Solpor (2012), de Xosé Mª Lema, xa lido en anos anteriores por algún dos dos membros máis antigos do Club, e Morning Star (1998) de Xosé Miranda.




-A 3ª das propostas de lectura é a continuación da serie "Episodios de una guerra interminable" de Almudena Grandes iniciada o curso pasado. O 2º vol. da serie é El lector de Julio Verne (2012).



Os membros do Club escollen entre as lecturas propostas e fíxase a vindeira reunión para as primeiras valoracións.

A 2ª reunión do trimestre ten lugar o luns 19 de novembro. Nesta reunión fíxose una primeira valoración das propostas de lectura do trimestre, especialmente das de Manuel Gago e Almudena Grandes.




A 3º reunión tivo lugar o luns 17 de decembro e estivo dedicada, como xa é habitual antes dun período vacacional, ás recomendacións de lectura dos membros do Club. Houbo recomendacións para todos os gustos, de varios xéneros e nos 2 idiomas deste Club. Empezando polo alumnado, Natalia recomendounos 2 libros de narrativa galega, un clásico -A nosa cinza (1980) de Xavier Alcalá- e unha novidade -Deixe a súa mensaxe despois do sinal (2017), de Arantxa Portabales.


 
Balbina recomendounos Mi chica revolucionaria (2014), de Diego Ojeda e o ensaio Como nos venden la moto (2010), de Ignacio Ramonet.


 
Yanira recomendounos La modista de Dover Street (2017) de Mary Chamberlain.


Nerea recomendounos La tinta de mis ojos (2018) de Aitana Ocaña.


María recomendounos Cuando me veas (2017) de Laura Gallego.


Polo que respecta ao profesorado, Rocío recomendounos Puerto escondido (2017) de María Oruña.


Ana Penedo recomendounos os clásicos Un mundo feliz (1932) de Aldous Huxley e Sueñan los androides con ovejas eléctricas? (1968) de Philip K. Dick).



Marina recomendounos Sempiterno (2018) de Defreds (José A. Gómez Iglesias).


Verónica recomendounos Dime quien soy (2014) de Julia Navarro.


Isabel recomendounos El candidato muerto (1998) de Miguel A. Rodríguez.


Chus recomendounos A nena do abrigo de astracán (2017) de Xabier Docampo e Teresa recomendounos Aplicación instantánea (2018) de Carlos Negro.











O QUE IMOS LER ESTE MES É...

  Nesta primeira reunión, ademais das presentacións e a cata de galletiñas de benvida, falamos do plan de lecturas que temos para ir comezan...