domingo, 10 de marzo de 2019

Reunións do Club de lectura Letraferit no 2º trimestre

A 4ª reunión co curso tivo lugar o luns 28 de xaneiro no horario habitual (3.30-4.30). Neste reunión realizouse a valoración final das 2 obras de lectura propostas: os que leron ambas propostas destaca especialmente que a través da lectura puideron coñecer episodios do noso pasado recente e relacionados coa Guerra Civil e a posguerra españolas, episodios pouco coñecidos pola maioría e que, no caso do detallado por Manuel Gago, implicaban a Galicia directamente. Trátase de 2 autores moi do gusto deste Club de lectura, nos dous casos levamos xa 2 obras lidas de cada autor e a maioría manifesta que pensa continuar lendo a estes autores...


A 2ª parte da reunión estivo destinada á presentación das lecturas do 2º cuadrimestre: a profesora Mª Jesús Barbeira, membro do Club e coordinadora do Club Hora de lectura, realizou a presentación da 1ª das propostas: Zapatillas rotas (Xerais, 2014) de Xabier Quiroga. Deste autor leramos o curso pasado Izan o da saca e supuxo un verdadeiro descubrimento para a moitos membros do Club, polo que esta escolla vén directamente das súas peticións. Para a nosa compañeira Chus é un texto singular, que nos vai descubrir unha historia moi reveladora do funcionamento do mundo de hoxe en día... e non quixo contarnos máis!... Por outra parte, a lectura deste libro está facilitada por atoparse no catálogo da plataforma ELBE2 á que pertencemos.


A 2ª das propostas de lectura foi realizada pola Coordinadora do Club e, como a anterior, obedece tamén ás suxestións de lectura dos membros do propio Club, concretamente de Gala Cernadas, que foi membro do Club ata o curso pasado que rematou os seus estudos no centro. Trátase dos 2 volumes de Jacqueline Kelly sobre o personaxe de Calpurnia Tate: A evolución de Calpurnia Tate (ed. orix. inglés 2009; trad. cast. 2011 e trad. gal. 2018)
 


e O curioso mundo de Calpurnia Tate (ed. orix. inglés, 2015; trad. cast 2017 e trad. gal. 2018).



A Coordinadora indica que se trata dunha novela de protagonista xuvenil que presenta o espertar dunha nena do Texas de 1899 á exploración do mundo que a rodea da man do seu avó e do libro de Charles Darwin, pero tamén ao que supón para ela ser unha nena e non un neno.

Despois da escolla das lecturas poles membros do Club, rematou a reunión. Fotos desta reunión:

 



O luns 25 de febreiro tivo lugar a 5ª reunión do curso e nela fixéronse as primeiras valoracións (moi positivas) das lecturas do cuadrimestre. Aquí quedan unhas fotos:





O luns 25 de marzo tivo lugar a 6ª reunión do curso na que os membros do Club presentaron as súas valoracións (finais en varios casos) das lecturas recomendadas e se fixeron algunhas recomendacións lectoras por parte dos membros do Club. O 1º libro de Calpurnia xa foi lido pola maioría de membros do Club que xa empezaron ademais o 2º libro. Desta lectura destácase a construción da personaxe principal, a súa relación co avó e o achegamento de ambos á natureza e á sociedade que os rodea.



Do libro de Xabier Quiroga destácase especialmente a construción da trama e a coidada recreación dos episodios do pasado que afectan directamente á acción do presente. Tamén foi valorada a lectura realizada na plataforma ELBE.2 por parte dos membros do Club xa que a maioría utilizou este sistema de lectura. Para todos foi unha experiencia positiva e cómoda, aínda que os alumnos destacaron que sería interesante aumentar o tempo de préstamo (de 15 a 21 días, por exemplo).



Polo que respecta ás propostas de lectura realizadas, Mª Jesús Barbeira recomendounos 'Tardes con Margueritte' (trad. ao cast. 2011; trad. ao gal. 2016), publicada orixinalmente en francés: 'La tête en friche' (2009) de Marie-Sabine Roger, e da que tamén existe adaptación cinematográfica (2010). Para a nosa compañeira sería unha proposta de lectura moi interesante para o curso que vén e que podería ser compartida por varios clubs de lectura do centro ao existir versións en galego, francés e castelán.






Aquí quedan varias fotos dese día:









Ningún comentario:

Publicar un comentario

O QUE IMOS LER ESTE MES É...

  Nesta primeira reunión, ademais das presentacións e a cata de galletiñas de benvida, falamos do plan de lecturas que temos para ir comezan...