Na nosa primeira reunión da primavera fixemos, coma sempre, un repaso das nosas últimas lecturas e, tamén como adoitamos facer, cada unha das persoas que alí estabamos fixemos as nosas recomendacións.
Varias persoas comentan unha das lecturas recomendadas na sesión anterior: Azucre, da coruñesa Bibiana Candía. Foi unha das lecturas con mellor acollida nestas últimas semanas
Soraya recoméndanos unha obra doutra autora galega, aínda que escrita en castelán: La nostalgia de la mujer anfibio, de Cristina Sánchez Andrade (Anagrama). Trátase dunha novela que combina ficción cun feito real ocorrido hai un século.
Rocío continúa coa lectura das dúas últimas novelas de Arantza Portabales: Beleza vermella e A vida secreta de Úrsula Bas, que xa foron lidas tamén polos alumnos de 4º curso, entre os cales se atopan Sergio e Paula.
A coordinadora e a profesora do departamento de Lingua Galega lembran aos membros do club que proximamente esta autora visitará o noso centro, polo que convén axilizar estas lecturas se se desexa comentalas con ela, e recomenda tamén unha obra anterior: Deixe a súa mensaxe despois do sinal.
Sergio decidiuse por Senlleiras, de Antía Yáñez, e fai unha valoración moi positiva desta novela.
Aproveitamos para suxerir a lectura da súa nova publicación, acabada de chegar e na que se aborda, entre outros, o tema da saúde mental: Non penses nun elefante rosa.
Pola súa parte, esta vez Paula decidiu atreverse a abordar unha novela en inglés: The handmaid's tale. Comenta que non lle está resultando demasiado doado pero que, por outra parte, lle axuda o feito de coñecer xa o tema e argumento da obra.Pola nosa parte, aínda que fomentamos a lectura preferentemente en galego, tamén consideramos importante abordala noutras linguas, polo que felicitamos a Paula por animarse a ler na lingua orixinal da autora.
Varias persoas están tamén a ler ou reler as novelas de Manuel Iglesias Turnes, que tamén nos visitará esta primavera, así como outras das recomendadas en reunións anteriores.