venres, 22 de maio de 2015

Últimas reunións do Club Letraferit para o curso 2014-2015

Aproxímase o final de curso e xa van quedando poucas reunións do Club: O día 8 de xuño teremos una Charla-encontro con Anxo Brea, profesor no noso centro, a propósito da súa obra:


E, finalmente, o luns 15 de xuño teremos a reunión final dos membros do Club para valorar a experiencia deste ano e ir adiantando propostas de lectura de cara ao curso que vén.
 

xoves, 7 de maio de 2015

Visita a Santiago de Compostela

Tal e como estaba previsto, o mércores 6 de maio, o Club de Lectura Letraferit visitou Santiago de Compostela co gallo da Feira do Libro.
A nosa primeira parada foi na Libraría Couceiro, onde Pablo Couceiro nos acolleu permitíndonos percorrela libremente e ofrecéndonos unha charla magnífica sobre a evolución do libro como formato de lectura e a maneira de restauralos e conservalos. Foi un encontro estupendo e de alí marchamos cargados cun agasallo para cada un dos membros do Club de parte da propia Libraría. (Vaia detallazo!).





 Da Praza de Cervantes compostelá marchamos á Biblioteca Municipal Ánxel Casal, que percorremos arriba e abaixo, marabillados pola disposición, amplitude e posibilidades culturais. Tamén alí fixemos unha parada para o café e para comer algo. Estabamos esfameados!




A última parada no noso percorrido foi o Paseo da Alameda, onde estaba situada a Feira do Libro.




Dela destacamos, sobre todo, o encontro con Fernando Cimadevila na caseta de Urco Editora. Dialogamos co autor sobre a súa triloxía "O mundo secreto de Basilius Hoffman", da que o autor nos confirmou que non se vai quedar en triloxía...! e sobre o seu novo libro "Acariciando o ceo", que moitos de nós mercamos e que tivo a ben dedicarnos. Foi para todos nós unha magnífica experiencia que pensamos repetir o ano que vén!!




Reunión do 20 de abril

O luns 20 reunímonos na Biblioteca do IES Terra de Soneira para poñer en común as nosas primeiras impresións sobre as lecturas deste trimestre. Así, a saga Eragón está entre as preferidas do alumnado, que a escolleron pola maxia e a aventura. Na nosa conversa sobre este clásico da literatura fantástica apareceron as relacións con outras obras deste xénero, como "El señor de los anillos" e comparamos os mapas dos 2 libros:




Pero tamén atopamos semellanzas con "Juego de tronos", no nome do personaxe de Arya: a Arya de Eragon é unha elfa e a de "Juego de tronos" é a filla máis nova de E. Stark:




Por outra banda, o libro de Ángelo Brea está sendo toda unha sorpresa para o alumnado e tamén para o profesorado, quen valoran moi positivamente este achegamento á lectura da ficción científica. Por este motivo, e a proposta dos membros do Club, a última reunión deste curso (prevista para o luns 8 de xuño) será unha charla-coloquio con Anxo Brea para suscitarlle todas as preguntas sobre esta obra:



Algúns dos membros do noso Club, como Gala Cernadas, tamén aproveitaron a reunión para falarnos dunha das súas lecturas e recomendárnola. Trátase de "A evolución de Calpurnia Tate" (2009) de Jacqueline Kelly, recentemente traducida ao galego e que Gala valoroa especialmente por presentar outro modelo de rapaza. Aquí deixamos tamén o enlace a unha valoración desta obra feita por Agustín Fernándéz Paz



Rematamos a nosa reunión coa preparación da visita cultural a Santiago de Compostela, o día 6 de maio, e establecendo o Calendario das últimas reunións (luns 8 e 15 de xuño).

luns, 13 de abril de 2015

1º reunión do 3º trimestre: luns 20 de abril

O vindeiro luns 20 de abril, no horario habitual, teremos a 1ª reunión deste trimestre no que faremos un primeiro achegamento ás lecturas propostas para esta última parte do curso.
Tamén nesta reunión prepararemos a nosa visita a Santiago de Compostela o mércores 6 de maio, na que visitaremos  a Libraría Couceiro, a Biblioteca Municipal Ánxel Casal e a Feira do Libro.


venres, 6 de marzo de 2015

Reunión do día 2 de marzo de 2015

Tal e como estaba previsto, reunímonos o primeiro luns de marzo para a presentación das propostas de lectura para o resto deste curso académico; dúas destas propostas viñan da man de membros do Club e as outras dúas da Coordinadora.
A primeira das propostas viña da man de Marina García (3º da ESO): trátase da saga fantástica de Christopher Paolini Legado composta polos libros Eragon, Eldest, Brisingr e Legado, na súa tradución ao castelán. Marina explicounos que o autor escribiu o 1º volume á idade de 15 anos!, o argumento deste e amosounos tamén a páxina web http://www.alagaesia.com/, con contidos moi interesantes (mapas, personaxes e pobos da obra, etc.).



















A 2ª proposta partía orixinalmente da profesora Isabel Regueiro e foi defendida por Alba Méndez (2º BACH): trátase da triloxía Apocalipsis Z do escritor pontevedrés Manel Loureiro, composta polos volumes El principio del fin, Los días oscuros e La ira de los justos (2010-2011).


Explicóusenos o argumento da triloxía e o nacemento da mesma a través dun relato publicado no blog do  autor que acadou grande éxito. Tamén visualizamos a páxina web do proxecto: http://apocalipsisz.es/ e indicóusenos que dispoñemos tamén da edición en galego dos dous primeiros volumes da triloxía publicados pola editorial Urco.





As últimas dúas propostas de lectura viñeron da man da coordinadora; a primeira delas, dirixida preferentemente ao alumnado do Club, sería a triloxía de Rosa Aneiros Ámote Leo A., composta polos volumes Destino Xalundes (2013), Estación de tránsito (2014) e Terminal de... chegadas? (2014). Explicóusenos o argumento da serie e indicóusenos que o 1º dos volumes obtivo o Premio Irmandade do Libro ao mellor Libro Infantil e Xuvenil do 2014. 


E para rematar, a segunda das propostas ía dirixida preferentemente ao profesorado do Club: táatase dun libro de relatos de ficción científica escrito en portugués e da autoría dun dos membros do noso Club, o profesor Anxo Brea: trátase de Lembranças da Terra & outras histórias de un futuro possível. (2014). Trátase dun obra que entronca directamente coa obra de Isaac Asimov e outros escritores. 




As catro propostas foron ben recibidas polos membros de Club, que se van repartir entre as catro, de tal maneira que para a vindeira sesión do Club (prevista para o luns 20 de abril) xa poidamos facer un primeiro achegamento a cada unha das posibilidades previstas. 

domingo, 1 de marzo de 2015

Próxima reunión do Club o luns 2 de marzo

O primeiro luns de marzo teremos reunión do Club para facer a presentación das novas propostas de lectura a a escolla das mesmas. Vémonos á mesma hora de sempre.

Encontro co escritor Pedro Feijoo

O día 9 de febreiro o escritor Pedro Feijoo reuniuse cos membros do noso Club para dialogar ao redor da súa obra e da súa concepción da narrativa.


Foi un encontro extraordinario desde o punto de vista da calidade humana da nosa reunión: Pedro Feijoo respondeu con xenerosidade ás nosas preguntas e se manifestou en todo momento cunha humildade extraordinaria respecto do seu labor.







As preguntas dos membros do Club versaron principalmente sobre Os "fillos dos mar" (documentación previa, marco histórico...), destacando especialmente a extraordinaria localización na cidade de Vigo, poñendo en valor aspectos da cidade que moitos descoñeciamos.







Houbo tamén preguntas sobre "A memoria da choiva" e sobre as outras miradas sobre a figura de Rosalía. Neste sentido, impresionounos o feito de que Pedro Feijoo compartise connosco o seu caderno de traballo desta obra, cos seus apuntamentos, notas, impresións e ideas... O material que utiliza como base para logo escribir as novelas.




Foi, en definitiva, un encontrou memorable para os membros do Club por canto tivemos a oportunidade de coñecer máis de preto a obra e as ideas dun dos escritores máis relevantes da narrativa galega actual. Un pracer!!


ATA SETEMBRO!

  Onte tivemos a nosa última xuntanza deste curso. Acompañounos David Cortizo Nieto, autor de Púrpura Tero Para pechar este curso que dedica...