A primeira das propostas viña da man de Marina García (3º da ESO): trátase da saga fantástica de Christopher Paolini Legado composta polos libros Eragon, Eldest, Brisingr e Legado, na súa tradución ao castelán. Marina explicounos que o autor escribiu o 1º volume á idade de 15 anos!, o argumento deste e amosounos tamén a páxina web http://www.alagaesia.com/, con contidos moi interesantes (mapas, personaxes e pobos da obra, etc.).
A 2ª proposta partía orixinalmente da profesora Isabel Regueiro e foi defendida por Alba Méndez (2º BACH): trátase da triloxía Apocalipsis Z do escritor pontevedrés Manel Loureiro, composta polos volumes El principio del fin, Los días oscuros e La ira de los justos (2010-2011).
Explicóusenos o argumento da triloxía e o nacemento da mesma a través dun relato publicado no blog do autor que acadou grande éxito. Tamén visualizamos a páxina web do proxecto: http://apocalipsisz.es/ e indicóusenos que dispoñemos tamén da edición en galego dos dous primeiros volumes da triloxía publicados pola editorial Urco.
As últimas dúas propostas de lectura viñeron da man da coordinadora; a primeira delas, dirixida preferentemente ao alumnado do Club, sería a triloxía de Rosa Aneiros Ámote Leo A., composta polos volumes Destino Xalundes (2013), Estación de tránsito (2014) e Terminal de... chegadas? (2014). Explicóusenos o argumento da serie e indicóusenos que o 1º dos volumes obtivo o Premio Irmandade do Libro ao mellor Libro Infantil e Xuvenil do 2014.
E para rematar, a segunda das propostas ía dirixida preferentemente ao profesorado do Club: táatase dun libro de relatos de ficción científica escrito en portugués e da autoría dun dos membros do noso Club, o profesor Anxo Brea: trátase de Lembranças da Terra & outras histórias de un futuro possível. (2014). Trátase dun obra que entronca directamente coa obra de Isaac Asimov e outros escritores.
As catro propostas foron ben recibidas polos membros de Club, que se van repartir entre as catro, de tal maneira que para a vindeira sesión do Club (prevista para o luns 20 de abril) xa poidamos facer un primeiro achegamento a cada unha das posibilidades previstas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario