mércores, 19 de abril de 2017

Reunión do 13 de marzo

Comezou a reunión do día 13 de marzo coa realización da "Caza do tesouro" realizada pola Coordinadora do Club e presentada aos membros na anterior reunión. Esta actividade, baseada nunha das propostas de lectura centrou a 1ª parte da reunión.



A seguir, os membros do Club foron ofrecendo as súas primeiras valoracións do resto de lecturas do cuadrimestre, a maior parte centradas no libro de Dolores Redondo "Todo isto che darei / Todo esto te daré" e as súas similitudes e diferenzas coa triloxía de Batzán.



Neste sentido, a coordinadora animou aos membros do Club a asistir á proxección cinematográfica "El guardían invisible", estreada en cines o 3 de marzo e baseada no 1º libro da triloxía de Dolores Redondo. Vid. trailer.

A seguinte reunión do Club quedou fixada para o 1º luns despois das vacacións de Semana Santa (24 de abril)





mércores, 1 de marzo de 2017

Reunión do 13 de febreiro

Nesta reunión decidíronse as propostas de lectura para o 2º cuadrimestre: Baos, de Natalia Lema, presentada na reunión anterior e solicitada polo alumnado do Club.




O Premio Planeta 2016, da autoría de Dolores Redondo -autora moi do gusto deste Club- tanto na edición en castelán: Todo esto te daré, (enlace á ficha na editorial Planeta) como na edición en galego: Todo isto che darei. (enlace á ficha do libro na editorial Xerais).





A 3ª proposta sería A sociedade literaria e do pastel de pel de pataca de Guernsey, (enlace coa páxina web da editorial Rinoceronte) das escritoras Mary Ann Shaffer e Annie Barrows, recentemente aparecido na editorial Rinoceronte.



A coordinadora do Club elaborou unha "Caza do tesouro" sobre este libro para que os membros do Club o utilicen de cara á vindeira reunión, prevista antes das vacacións de Semana Santa.

Reunión do 16 de xaneiro

A 1ª reunión do ano 2017 desenvolveuse, tal e como estaba previsto, arredor de dúas cuestións: a presentación de Baos por parte da súa autora, a nosa compañeira do Club, Natalia Lema, e a explicación do roteiro literario da novela O anxo negro realizado o sábado 14 por varios profesores membros do Club.




Na súa presentación Natalia detallounos a xénese de Baos e explicounos que, aínda que partiu de testemuños auténticos, os nomes dos personaxes están cambiados para que sexan menos identificables e que con esta obra, que alterna a trama narrativa con poemas da mesma autora, intentou contar a historia desta parroquia desaparecida hai 50 anos pola construción do Encoro da Fervenza.


Natalia tamén nos explicou o proceso de edición do libro que xurdiu a raíz de quedar esta obra como finalista do concurso literario "Outono 2016" e que foi publicada pola editorial dixital "El fantasma de los sueños". Natalia explicou que esta editorial dixital é unha magnífica oportunidade para todos aqueles que teñan unha obra para publicar.




Os membros do Club realizaron as súas preguntas a Natalia e finalizamos esta 1ª parte da reunión.



A continuación os profesores participantes no roteiro literario Paisaxes imaxinarias, lugares auténticos n'O anxo negro (Joaquín, José Manuel, Rocío, Raquel e Teresa) explicamos aos restantes membros do Club a experiencia: o percorrido, iniciado en San Xusto de Toxosoutos (Lousame), que inspirou o mosteiro de San Silvestre de Cereiro



Aquí temos a Rocío e José Manuel pasando frío en Toxosoutos:


En Esteiro (Muros), o Bico do Castelo Grande, que inspirou o Bosque dos Némedos podemos ver a Teresa:



ou as "Patudas de Santa Mariña" na praia de Paraméan con Manuel Gago explicando a lenda da chegada de Santa Mariña:


Aquí podemos ver un pequeno vídeo de Manuel Gago explicando a utilización como refuxio contra ataques piratas do Castelo Grande: vídeo.

Outros lugares foron a Capela do Espírito Santo (Muros), o bar O Pirata, que inspirou a bar Drake, a vila de Corcubión e o seu pasado corsario (con parada na casa de Nicolás Bren).., O percorrido rematou na magnífica igrexa de San Pedro de Buxantes (Dumbría) -que inspirou a rectoral de Cereiro- onde puidemos contemplar a imaxe que inspirou a Santa Mariña da novela.


Finalizamos a reunión, coa convocatoria da vindeira, o luns 13 de febreiro, para a proposta de lecturas do 2º cuadrimestre.

mércores, 30 de novembro de 2016

Reunión do 28 de novembro de 2016: primeiras valoracións

Na reunión do luns 28 de novembro tiveron lugar as primeiras valoracións das obras escollidas como propostas de lectura para este curso por parte daqueles membros que xa leron algunha delas.

De Jules Verne e a vida secretas das mullleres planta saliéntase a recreación da figura do escritor francés, quizais o aspecto máis atractivo para varios dos lectores, como os profesores Joaquín García. e Teresa Araújo. A que se sinalou como 2ª característica máis importante foi a recreación do pasado da cidade de Vigo. Neste sentido, as profesoras Marina Rial e Mª Jesús Barbeira puxeron esta obra en relación con outras como Os fillos do mar, de Pedro Feijoo e ou Cabalos e lobos, de Fran P. Lorenzo.



Para lectores como Balbina Rodríguez ou a profesor José M. Pérez, o máis interesante d'O anxo negro é a trama arredor da desaparición da imaxe e a recreación dos episodios do pasado recente da parroquia, non tanto os do pasado máis afastado que, na súa opinión, enlean un tanto a historia.




Por último, en relación con El desorden que dejas, a profesora Raquel Sabín cre que hai aspectos da historia moi destacables como a ambientación ou algún dos personaxes secundarios da trama pero que hai aspectos da trama principal (como o pasado da profesora falecida) que lle parecen un tanto esaxerados. Neste aspecto concordan alumnos como David Roget.



Por último, a coordinadora anuncia a publicación do 1º libro de Natalia Lema, alumna do IES Terra de Soneira e membro deste Club: Baos, 






e que na vindeira reunión do Club, convocada  para o luns 16 de xaneiro de 2017, Natalia Lema nos presentará a súa obra e explicará as circunstancias da súa publicación. Na mesma reunión, os profesores falaremos do roteiro literario sobre O anxo negro (que terá lugar o sábado 14 de xaneiro).

Sobre a traxectoria literaria de Natalia Lema, pódese consultar:

 http://www.adiantegalicia.es/cultura/2016/09/22/natalia-lema-seleccionada-en-dos-antologias-nacionales-de-relato.html

Reunión inaugural do curso 2016-2017 do Club de Lectura Letraferit Soneira


O pasado 17 de outubro, no noso horario habitual (3.30-4.30) tivo lugar a reunión inaugural deste curso coa presentación dos membros do Club e coa escolla das primeiras lecturas.

Neste curso o Club chega ao 27 membros, 9 profesores e 18 alumnos. Dos 9 profesores, 6 xa pertencían ao Club (Mª Jesús Barbeira, Ana Penedo, Isabel Regueiro, Marina Rial, Rocío Romero e a coordinadora) e os outros 3 son novas incorporacións: Joaquín García e José Manuel Pérez, do Departamento de Matemáticas, e Raquel Sabín, do Departamento de Administración.
Entre o alumnado, permanecen de cursos anteriores 9 alumnos: Alberto Miranda, Marco Santos, Alberto Andújar e Balbina Rodríguez (agora en 3º da ESO); Eva Olveira e Nerea Rial (agora en 4º da ESO), Gala Cernadas e Nuria Agra (agora en 1º de Bach) e Natalia lema (agora en 2º de CMXA) e incorpóranse outros 9: Yanira Gándara, Martín Pose, Diego Vázquez, Fátima Andrade, Daniel Arias, Austin Landeira e David Roget (3º da ESO) e Jonatan Costa e Nerea Villar de 1º de Bach.

Para iniciar este curso a Coordinadora presentou, como vén sendo habitual, varias propostas de lectura á consideración dos membros do Club e estas foron as escollidas:




Jules Verne e a vida secretas das mulleres planta (premer no enlace para ver a ficha do libro en Xerais), a nova creación de Ledicia Costas e Premio Lazarillo de Creación literaria 2015. Os motivos da escolla están na recreación da figura do escritor francés e na contribución á propia historia da cidade de Vigo.



El desorden que dejas, do escritor de Celanova Carlos Montero, obtivo o Premio Primavera de novela 2016 (premendo no título, enlácese coa ficha do libro na editorial que permite ler o 1º capítulo). Trátase dunha novela ambientada na localidade ficcional de Novariz onde unha profesora substituta debe enfrontarse aos segredos da profesora á que substitúe.



O anxo negro, de Manuel Gago xa foi presentada pola coordinadora na última reunión do curso pasado como unha das posibles propostas de lectura para este curso (premendo no enlace, está a ficha do libro en Xerais). Trátase dunha novela ambientada na Costa da Morte que mestura a recreacion histórica coa investigación case detectivesca sobre a desaparición dunha escultura relixiosa.

En relación con este libro, a Coordinadora manifestou a intención de conseguir que o escritor acuda ao centro educativo para manter un encontro cos membros do Club no 2º trimestre do curso e tamén informou aos profesores membros do Club da existencia dun roteiro literario sobre este mesmo libro ofrecido polo CAFI e que terá lugar no mes de xaneiro. Neste sentido, 7 dos 9 membros do profesorado imos solicitar este roteiro na plataforma de formación.
A coordinadora recomendou tamén a visita á páxina web http://manuelgago.org/oanxonegro/, onde se pode visionar un trailer case cinematográfico desta obra e información sobre a mesma e sobre o seu autor.

A vindeira reunión do Club terá lugar o luns 21 ou 28 de novembro.

martes, 14 de xuño de 2016

Clausura do Club de Lectura

Este luns 13 de xuño reunímonos ao mediodía na Biblioteca (o tempo non permitiu reunirnos fóra) para compartir comida, sobremesa e recomendacións de lectura. Foi unha última reunión magnífica e non só polas sobremesas (que estaban impresionantes), senón tamén polo clima creado e polo bo ambiente do que dan mostra estas imaxes:





Na reunión despedímonos dos alumnos e das profesoras que non van estar no centro o vindeiro curso, compartimos anécdotas destes anos e recomendámonos lecturas para o verán como as que seguen a continuación...  A coordinadora traía 3 novidades do 2016 como propostas: Masculino singular, o último poemario de Carlos Negro; O anxo negro, novela de Manuel Gago e o último libro do Joël Dicker, El Libro de los Baltimore, que poden ser valoradas tamén como lecturas do vindeiro curso.





Balbina recomendounos El tío Petros y la conjetura de Goldbach, de Apostolos Doxiadis, que está lendo por recomendación do profesor de matemáticas:


A profesora Rocío recomendounos un libro da escritora francesa Anna Gavalda, Xuntos e mais nada, da que tamén existe versión cinematográfica.

 
 

Gala recomendounos novamente os libros de Jacquelline Kelly, A evolución de Calpurnia Tate e a súa continuación: El curioso mundo de Calpurnia Tate.


A profesora Marina recomendounos una novela de Marta Rivera de la Cruz, La vida después.


Eva recomendounos a saga de Cornelia Funcke, Mundo de tinta (Corazón de tinta, Sangre de tinta, Mundo de tinta).


mércores, 1 de xuño de 2016

Reunión do 23 de maio e convocatoria da Última reunión do curso

Na reunión do 23 de maio, a alumna Natalia Lema realizou unha presentación literaria de La oscura verdad de Mara Dyer (2013), de Michelle Hodkin, unha novela que, na súa opinión, interesa polos duplas interpretacións da verdade (nada é o que parece e as persoas presentan o seu lado máis torturado).






Nesta reunión realizouse unha valoración final da novela A viaxe de Gagarin, así como das últimas actividades realizadas (saída a Santiago e recital poético).

Quedou decidido, tamén, que o vindeiro luns 13 de xuño, os membros do Club de Lectura nos reuniremos ao mediodía para realizar a última reunión deste curso, na que comeremos todos xuntos e compartiremos recomendacións de lectura para o verán.
A reunión terá lugar entre as 2.30 e as 4.30 da tarde e será unha comida campestre no piñeiral do instituto.



Nesta última reunión faremos tamén a valoración das actividades deste curso e despedirémonos das profesoras e dos alumnos que non van estar o curso que vén.

ATA SETEMBRO!

  Onte tivemos a nosa última xuntanza deste curso. Acompañounos David Cortizo Nieto, autor de Púrpura Tero Para pechar este curso que dedica...