Para comezar, realizamos a valoración de 'A caixiña dos rancores' que quedara pendente na reunión anterior. Esta foi a lectura escollida polos novos alumnos do Club deste curso -Nerea, María e Alex-, quen foron os encargados de comunicarnos as súas impresións despois de rematar a lectura. Para María é de destacar a madurez e afouteza do protagonista e da súa moza ao poñerse a investigar a historia de Chiruca, aspecto que tamén sinalaron os seus compañeiros. Para Nerea tamén é moi destacable -a ela parécelle bastante improbable- a reacción de Chiruca ao enterarse de que lle roubaran a súa filla; a María tamén lle pareceu increíble que reaccionase dese xeito, aspecto que foi comentado por outros mebros do Club como Mª Jesús Barbeira. Para Alex, o máis interesante foi poñer ao descuberto a trama montada para arrebatarlles os fillos a persoas pobres para entregárllelos a persoas ricas.
Unha vez finalizada esta valoración, os membros do Club ofreceron as súas recomendacións lectoras para o Nadal. Xuntouse unha boa morea de títulos de narrativa clásicos e actuais, de xéneros moi variados (ciencia-ficción, policíaca, realista, etc). Así, os profesores Ana Penedo e José Manuel Pérez e o alumno Alberto Miranda optaron por libros clásicos de narrativa fantástica: Ana Penedo presentounos 'A historia interminable', de Michael Ende e José Manuel a saga de Geral de Rivia de Andrzej Sapkowski.
O alumno Alberto Miranda recomendounos a saga de Rick Riordan 'Los héroes del Olimpo', en certo modo continuadora da saga de Percy Jackson.
Nesta liña tamén estivo a recomendación da profesora Rocío Romero, quen optou por recomendarnos 'Palmeras en la nieve' de Luz Gabás, unha novela recente que tamén conta -como a anterior- con versión cinematográfica.
Pola novela realista -tamén con versión cinematográfica- optou a profesora Marina Rial coa súa recomendación de 'La cenizas de Ángela' de Frank McCourt.
Tamén en clave realista estivo a recomendación do alumno Diego Vázquez, a novela 'Patria' de Fernando Aramburu.
Entre alumnos e profesores tamén houbo espazo para as recomendación de títulos da literatura galega, clásicos e actuais. A alumna Natalia Lema recomendounos como novela clásica 'Scórpio' de Ricardo Carballo Calero e como novidade 'Xa non estou aquí' de Iria Misa.
A profesora Isabel Iglesias recomendounos como "clásico" 'Ollos de auga' de Domingo Villar e como novidade 'Corredora' de María Reimóndez.
Tamén Alberto Miranda traía un clásico entre as súas propostas: 'Cousas' de Castelao.
Houbo espazo tamén para os títulos de literatura xuvenil en lingua española da man de María Villaverde, Nerea Rojo e Alex Soto, quen nos presentaron, respectivamente, 'La mansión de los abismos' de Joan Manuel Gisbert, ´El último muerto' de Fernando Lalana e 'Las crónicas de la torre' de Laura Gallego.
Para finalizar a reunión, a coordinadora presentou dúas novidades de recente aparición e explicou que 'Veinte' de Manel Loureiro fora escollida en homenaxe á profesora Isabel Regueiro, quen pertenceu ao Club ata o curso pasado, ao tratarse dun autor polo que ela tiña un cariño especial e que 'O cemiterio dos ingleses' de Marcos Calveiro era unha escolla moi persoal ao tratarse dunha novela ambientada en Vilagarcía de Arousa, localidade natal da coordinadora.
Finalizamos a intensa reunión acordando que no mes de xaneiro teremos as últimas reunións deste cuadrimestre para facer un visionado do 1º episodio da serie de televisión baseada en 'El cuento de la criada' e para a última valoración das propostas de lectura 'As horas roubadas' e 'El cuento de la criada', xa que a maioría dos membros do Club está a realizar a segunda lectura.