Na reunión do pasado luns fíxose un recordatorio dos próximos encontros con varios escritores/as que nos van visitar no centro, e comentáronse as súas obras que xa leron ou están lendo a maior parte dos membros do club, e tamén alumnado e profesorado que non pertence formalmente ao club, pero que seguen no posible as nosas recomendacións.
Lembrámosvos que todas estas citas terán lugar na biblioteca, na hora de reunión do Club de lectura (xa sabedes, ás 15.30, antes das clases da tarde), pero estarán abertas a quen queira asistir. Só se apartará deste horario o encontro con Arantza Portabales, que será algo máis tarde, na sala de usos múltiples, pois por motivos laborais resúltalle imposible chegar antes ou vir outro día.
Velaí, pois, o noso calendario de encontros literarios de primavera:
O vindeiro luns, 2 de maio, recibiremos a Cristian Caruncho, que nos falará da súa obra Grandarroiba... e algo máis.
Unha semana despois, o luns 9 de maio, estará connosco o poeta Antón Recamán, que coñecemos ben porque é profesor no noso IES e ademais coordina a sección de cómic e manga deste club. Presentaranos o seu novo poemario e falaremos tamén con el do anterior.
O mesmo día 9 de maio, pero no horario de tarde, a partir das 16.45, gozaremos dun encontro coa novelista Arantza Portabales, que falará do seu último libro pero tamén do conxunto da súa obra, e responderá ás preguntas do alumnado.
Finalmente, o día 6 de xuño recibiremos a visita dun dos autores máis lidos este curso no club, Manuel Iglesias Turnes, que falará da súa última novela pero tamén das dúas anteriores, así como da historia e a situación actual do rural galego.
Non faltedes, e se queredes que vos asinen os seus libros, non esquezades traelos!
Ningún comentario:
Publicar un comentario