domingo, 24 de decembro de 2017

2ª reunión do curso 2017-18 (13 de novembro de 2017)

O luns 13 de novembro, no noso horario habitual, tivemos a reunión para realizar a 1ª  valoración das propostas de lectura deste 1º cuadrimestre do curso académico.



Empezamos por 'El cuento de la criada', escollido como 1ª opción por varios profesores e alumnos.


 As alumnas Natalia ou Balbina destacaron a maneira de narrar da autora e como todo o que se explica parece perfectamente posible. Balbina sinalou que o que se conta no libro xa ten pasado con anterioridade e segue pasando na actualidade, que non é necesario pensar nun futuro posible.




Os profesores José Manuel e Rocío centráronse máis na estrutura narrativa que, para eles, divide a obra en dúas partes, unha primeira máis centrada nos pensamentos da narradora e outra na que ela deixa de ser observadora para se converter en motor de cambio dos acontecementos. Neste sentido, José Manuel destacou as similitudes e tamén as diferenzas coa serie de televisión baseada nesta novela, explicando como esta dupla estrutura narrativa se reflicte visualmente: na serie ao principio só "oímos" os pensamentos da narradora e logo pasamos a escoitar tamén a súa voz.



Nesta liña, a coordinadora do Club sinala que sería moi interesante dedicar unha das reunións ao visionado do 1º episodio da serie de televisión e acórdase facelo á volta das vacacións de Nadal.
A 2ª parte da reunión dedicouse a analizar 'As horas roubadas', tamén escollida por profesores e alumnos.
Os alumnos Gala e Alberto destacaron a axeitada recreación dunha época  que só coñecían a través de series de televisión ou das lembranzas dos seus propios pais.



 Neste sentido, as profesoras Mª Jesús Barbeira, Isabel, Ana Vázquez e Rosa coincidiron coas impresións do alumnado pero sinalaron outros aspectos como a dupla historia amorosa (a dos avós no pasado e a do neto no presente) ou o tratamento da violencia no seo da familia, como outras liñas argumentais moi interesantes.



Por falta de tempo, non se puido realizar a valoración da 3ª proposta de lectura, 'A caixiña dos rancores' e queda para a vindeira reunión do Club, o 18 de decembro. A coordinadora lémbralles aos membros do Club que, tal e como se acordou na 1ª reunión, cada membro do Club terá que facer unha recomendación lectora para as vacacións de Nadal nesa última reunión do ano 2017.

martes, 17 de outubro de 2017

1ª reunión do curso 2017-18 (16 de outubro de 2017)

O luns 16 de outubro no horario habitual reunímonos na Biblioteca do Instituto os membros do Club de Lectura Letraferit deste curso (9 profesores e 11 alumnos) para empezar as nosas actividades. En 1º lugar, a coordinadora do Club explicou o seu funcionamento aos novos membros do mesmo (número de lecturas por trimestre, periodicidade das reunións, etc.) e, a continuación, realizou unha presentación das propostas de lectura para o 1º cuadrimestre:

A 1ª proposta é "El cuento de la criada" de Margaret Atwood.


Para presentar a obra, a coordinadora amosou a páxina web da editorial, e tamén un vídeo extraído da serie de televisión estreada neste ano 2017 e baseada na novela.



A 2ª proposta de lectura é "As horas roubadas" de María Solar.



A coordinadora presentou a ficha da editorial e unha presentación da novela feita pola propia María Solar.

A 3ª e última proposta é "A caixiña dos rancores" de Hector Cajaraville e está pensada para que o alumnado do Club coñeza ao autor posto que está prevista a súa visita ao IES no 1º trimestre deste curso.


As 3 propostas recibiron boa acollida por parte dos membros que escolleron por cal empezar, mesmo unha das novas alumnas do Club solicitou ler a novela de Margaret Atwood na súa versión orixinal (en inglés), polo que se adquirirá tamén 1 exemplar da mesma en inglés xa que tamén hai profesoras interesadas en lelo na lingua orixinal.


A coordinadora deulle a cada alumno/a do Club unha carta para os seus pais invitándoos a participar no funcionamento do Club.

Finalmente e a proposta de 2 profesoras do Club, acordouse que na última reunión de cada trimestre os membros do Club deberán traer unha recomendación de lectura para presentar na mesma.

domingo, 4 de xuño de 2017

Última reunión do curso 2016-17

O luns 29 de maio unha boa parte dos membros do Club de lectura Letraferit reunímonos ao medodía na Biblioteca (un ano máis o tempo non permitiu comer fóra) para compartir comida, sobremesas, recomendacións lectoras e valorar a experiencia deste ano xuntos.




A todos os membros do Club nos tocou facer as nosas recomendacións lectoras para este verán e, entre elas, tivemos clásicos e novos, lecturas de sempre ou novas propostas. Como moitos de nós fixemos ata tres! deixamos aquí só algunas:

O profesor Joaquín recomendounos O curioso incidente do can á medianoite, de Mark Haddon.

 
A profesora Rocío recomendounos O vixía no centeo, de J. D. Salinger.


A  profesora Chus falounos moi positivamente de dúas novidades da colección Fóra de Xogo: A caixiña dos rancores, de Héctor Cajaraville e Costa do Solpor: O regreso da Illa do Tesouro, de Xosé Mª Lema:



A profesora Teresa falounos moi positivamente da novela As horas roubadas, de María Solar:


A profesora Marina recomendounos a re-lectura (se non a fixeramos xa) dun clásico como O principiño, de Antoine de Saint-Exupery, aproveitando o ano Carlos Casares (tradutor desta obra á nosa lingua):



Balbina falounos moi positivamente dunha lectura realizada a partir das conversas coa súa profesora de Filosofía: O segundo sexo, de Simone de Beauvoir:


Natalia recomedounos o poemario S/t de Enma Pedreira:


Rematamos por este curso e vémonos para o que vén!!

martes, 23 de maio de 2017

Reunión do luns 24 de abril

O luns 24 de abril tivo lugar a penúltima reunión deste curso do Club de Lectura.


Na 1ª parte de reunión realizou un seguimento das lecturas en curso, coas valoracións dos membros do Club das propostas deste trimestre, así como doutras lecturas persoais realizadas polos seus membros.



A 2ª parte da reunión estivo centrada nas primeiras valoracións (positivas e negativas) do desenvolvemento do Club de Lectura neste curso e coa preparación da última reunión do curso, prevista para o 29 de maio. A coordinadora anunciou que esta última reunión se adianta un pouco respecto da celebrada noutros anos e que, como ocorreu o curso pasado, se tratará dunha comida campestre no piñeiral do instituto (ou na Biblioteca, se falla o tempo) na que realizaremos unha valoración global do desenvolvemento do Club neste curso e onde cada membro do Club deberá traer as súas propostas de lectura para o verán.


mércores, 19 de abril de 2017

Reunión do 13 de marzo

Comezou a reunión do día 13 de marzo coa realización da "Caza do tesouro" realizada pola Coordinadora do Club e presentada aos membros na anterior reunión. Esta actividade, baseada nunha das propostas de lectura centrou a 1ª parte da reunión.



A seguir, os membros do Club foron ofrecendo as súas primeiras valoracións do resto de lecturas do cuadrimestre, a maior parte centradas no libro de Dolores Redondo "Todo isto che darei / Todo esto te daré" e as súas similitudes e diferenzas coa triloxía de Batzán.



Neste sentido, a coordinadora animou aos membros do Club a asistir á proxección cinematográfica "El guardían invisible", estreada en cines o 3 de marzo e baseada no 1º libro da triloxía de Dolores Redondo. Vid. trailer.

A seguinte reunión do Club quedou fixada para o 1º luns despois das vacacións de Semana Santa (24 de abril)





mércores, 1 de marzo de 2017

Reunión do 13 de febreiro

Nesta reunión decidíronse as propostas de lectura para o 2º cuadrimestre: Baos, de Natalia Lema, presentada na reunión anterior e solicitada polo alumnado do Club.




O Premio Planeta 2016, da autoría de Dolores Redondo -autora moi do gusto deste Club- tanto na edición en castelán: Todo esto te daré, (enlace á ficha na editorial Planeta) como na edición en galego: Todo isto che darei. (enlace á ficha do libro na editorial Xerais).





A 3ª proposta sería A sociedade literaria e do pastel de pel de pataca de Guernsey, (enlace coa páxina web da editorial Rinoceronte) das escritoras Mary Ann Shaffer e Annie Barrows, recentemente aparecido na editorial Rinoceronte.



A coordinadora do Club elaborou unha "Caza do tesouro" sobre este libro para que os membros do Club o utilicen de cara á vindeira reunión, prevista antes das vacacións de Semana Santa.

Reunión do 16 de xaneiro

A 1ª reunión do ano 2017 desenvolveuse, tal e como estaba previsto, arredor de dúas cuestións: a presentación de Baos por parte da súa autora, a nosa compañeira do Club, Natalia Lema, e a explicación do roteiro literario da novela O anxo negro realizado o sábado 14 por varios profesores membros do Club.




Na súa presentación Natalia detallounos a xénese de Baos e explicounos que, aínda que partiu de testemuños auténticos, os nomes dos personaxes están cambiados para que sexan menos identificables e que con esta obra, que alterna a trama narrativa con poemas da mesma autora, intentou contar a historia desta parroquia desaparecida hai 50 anos pola construción do Encoro da Fervenza.


Natalia tamén nos explicou o proceso de edición do libro que xurdiu a raíz de quedar esta obra como finalista do concurso literario "Outono 2016" e que foi publicada pola editorial dixital "El fantasma de los sueños". Natalia explicou que esta editorial dixital é unha magnífica oportunidade para todos aqueles que teñan unha obra para publicar.




Os membros do Club realizaron as súas preguntas a Natalia e finalizamos esta 1ª parte da reunión.



A continuación os profesores participantes no roteiro literario Paisaxes imaxinarias, lugares auténticos n'O anxo negro (Joaquín, José Manuel, Rocío, Raquel e Teresa) explicamos aos restantes membros do Club a experiencia: o percorrido, iniciado en San Xusto de Toxosoutos (Lousame), que inspirou o mosteiro de San Silvestre de Cereiro



Aquí temos a Rocío e José Manuel pasando frío en Toxosoutos:


En Esteiro (Muros), o Bico do Castelo Grande, que inspirou o Bosque dos Némedos podemos ver a Teresa:



ou as "Patudas de Santa Mariña" na praia de Paraméan con Manuel Gago explicando a lenda da chegada de Santa Mariña:


Aquí podemos ver un pequeno vídeo de Manuel Gago explicando a utilización como refuxio contra ataques piratas do Castelo Grande: vídeo.

Outros lugares foron a Capela do Espírito Santo (Muros), o bar O Pirata, que inspirou a bar Drake, a vila de Corcubión e o seu pasado corsario (con parada na casa de Nicolás Bren).., O percorrido rematou na magnífica igrexa de San Pedro de Buxantes (Dumbría) -que inspirou a rectoral de Cereiro- onde puidemos contemplar a imaxe que inspirou a Santa Mariña da novela.


Finalizamos a reunión, coa convocatoria da vindeira, o luns 13 de febreiro, para a proposta de lecturas do 2º cuadrimestre.

ATA SETEMBRO!

  Onte tivemos a nosa última xuntanza deste curso. Acompañounos David Cortizo Nieto, autor de Púrpura Tero Para pechar este curso que dedica...