martes, 16 de novembro de 2021

ROTEIRO LITERARIO CON XABIER QUIROGA

 O pasado sábado, varias persoas membros e ex-membros deste claustro participamos dun agradable encontro cun dos autores máis lidos no noso club: Xabier Quiroga, que nos acompañou polos espazos da súa última novela, O baile dos estorniños.




Falando desta actividade, do autor e da súa obra, xurdiu a oportunidade de facer un novo percorrido polas novelas de Quiroga ambientadas nesa Ribeira Sacra que el coñece tan ben, e nese tempo da guerra e a posguerra sobre o que tanto e tan ben ten escrito.

Por iso algún dos novos membros deste club se decidiron a emprender ou retomar a lectura de dúas das súas obras anteriores: O cabo do mundo e Izan o da saca, que, xunto con esta última publicación, forman a que se vén chamando "triloxía da Ribeira Sacra" ou, o que é o mesmo, a serie de misterios e crimes ocultos e finalmente descubertos grazas ás investigacións do gran Reina





luns, 25 de outubro de 2021

ITINERARIO LECTOR: GRANDES VIAXES

 Na nosa primeira xuntanza faremos, entre outras cousas, a presentación do itinerario lector que suxerimos para este curso, arredor do tema das grandes viaxes, expedicións ou aventuras, unhas históricas e outras ficticias... ou ambas mesturadas, que tamén as hai.

Imprimimos algún tríptico, pero moi pouquiños para evitar o gasto excesivo de papel e tinta.

Por iso nos pareceu boa idea reproducir aquí o seu contido, así sempre o teredes á man se o queredes consultar.

Esta é a cara exterior:


E esta, a interior:


 ESPERAMOS QUE VOS GUSTE E QUE LEADES MOITO!

xoves, 21 de outubro de 2021

PRIMEIRA REUNIÓN DO CLUB DE LECTURA


 LEMBRADE!


O próximo luns, día 25, celebraremos a primeira xuntanza do noso clube

Como sempre, na Biblioteca ás 15:30 (antes das clases da tarde)

Que non vos esqueza!!!

luns, 4 de outubro de 2021

CLUB DE MANGA E CÓMIC

 LE CON AKIRA!


Lembra que te podes apuntar ao club Akira, onde podes compartir as túas lecturas preferidas de cómic europeo, americano e xaponés (manga)

Na biblioteca atoparás unhas fichas que deberás cubrir e entregar para inscribirte. 

Se queres visitar o blog deste club, sigue esta ligazón





xoves, 16 de setembro de 2021

BENVID@S AO CLUB!

 COMEZAMOS!




Dámosvos a benvida de novo ao noso Club de Lectura.

Xa sabedes que temos un Club, que chamamos Letraferit Soneira, onde podemos participar alumnado, profesorado e persoal non docente. Reunirémonos unha vez ao mes para propoñer lecturas e comentalas, e tamén podemos comunicarnos de xeito virtual a través deste blog.

Ademais funcionarán tamén outros clubs máis específicos, como os de cómic e manga que coñecedes tamén dos cursos anteriores.

E... algunha sorpresa que xa vos iremos contando.

Toda a información que precisedes podedes pedila aos membros do equipo de Biblioteca, e tamén a eles lles podedes dicir se vos animades a participar nalgún dos grupos de lectura que se van ir formando.

Esperamos contar convosco para compartir as nosas lecturas preferidas.



xoves, 4 de marzo de 2021

Da posguerra e do wolfram: Febre, de Héctor Carré

 Ao fío da última proposta de lectura complementaria vén estoutra de Héctor Carré:



Febre (2011) é unha historia ambientada entre 1942 e 1944 en Noia, onde bole un intenso comercio legal e ilegal arredor da mina de wolfram de San Fins (Lousame). A historia está protagonizada por Carmucha, unha rapaza de 17 anos que decide enfrontarse á súa maneira coa situación represiva da posguerra.

Aínda que o nazismo en Galicia non é o eixo central desta novela, si que está moi presente a recreación do papel que xogou Galicia como subministradora de wolfram para os dous bandos en conflito durante a Segunda Guerra Mundial.

A novela obtivo o Premio Xerais de Literaturatura xuvenil do 2011.

Neste enlace ao blog do autor podedes atopar as súas valoracións sobre a obra.

Nestoutro enlace tedes un artigo moi interesante sobre a historia da mina de San Fins.


mércores, 3 de marzo de 2021

Lectura e cinema

 Continuando co tema proposto, os nazis en Galicia na primeira metade do século XX, gustaríame engadir outra proposta de lectura e tamén unha película.


O libro é «O volframio en Varilongo», Santa Comba de Xallas (1941-1963), de Carmen Blanco Ramos. Nesta ligazón atoparedes unha completa reseña do libro. E se queredes profundizar un pouco máis, aquí podedes ler tamén unha ampla reportaxe sobre o tema dos nazis, a industria da guerra e o wolframio nesa época.




E para acompañar a lectura, unha película coa mesma temática e ambientada tamén por aquí cerquiña, que podedes ver se premedes no seguinte enlace: Lobos sucios 

Lobos sucios é un filme español de drama e suspense, dirixido en 2015 por Simón Casal e protagonizado por Marian Álvarez e Manuela Vellés.

Aquí vos deixo unha páxina dos premios Goya 2017 (foi proposta, aínda que finalmente non obtivo o premio) onde podedes ver un resumo do argumento e o tráiler da película.

ATA SETEMBRO!

  Onte tivemos a nosa última xuntanza deste curso. Acompañounos David Cortizo Nieto, autor de Púrpura Tero Para pechar este curso que dedica...