mércores, 11 de maio de 2022

RESUMO DOS ENCONTROS CON AUTORES

 



Como xa fixemos nun post anterior, para non repetir o mesmo déixovos aquí as ligazóns ás entradas correspondentes do blog Bibliosoneira blogueira, onde se resumen os encontros con Cristian Caruncho, Antón Recamán e Arantza portabales.


https://bibliosoneira-blogueira.blogspot.com/2022/05/encontro-con-cristian-f-caruncho.html

 

https://bibliosoneira-blogueira.blogspot.com/2022/05/novo-poemario-de-anton-recaman.html

 

https://bibliosoneira-blogueira.blogspot.com/2022/05/encontro-con-arantza-portabales.html


Como vedes, tivemos variedade de xéneros: banda deseñada, poesía e narrativa





sábado, 30 de abril de 2022

LETRAS GALEGAS: FLORENCIO DELGADO GURRIARÁN

 Nas diversas clases, e ao longo do curso, xa estivemos falando da figura do autor a quen este ano se homenaxea no Dia das Letras Galegas.




Pero non podiamos deixar de lembralo tamén neste espazo.

Para non repetírmonos, podedes ver nestas ligazóns un par de entradas publicadas no blog xeral da biblioteca, unha sobre a ruta literaria que fixemos polos seus espazos vitais e literarios (na imaxe de arriba, un fragmento dun mural na súa aldea de Córgomo de Valdeorras), e a outra, para presentar as publicacións recentemente adquiridas en relación coa figura deste autor.

https://bibliosoneira-blogueira.blogspot.com/2022/04/roteiro-literario-delgado-gurriaran.html

https://bibliosoneira-blogueira.blogspot.com/2022/04/benvido-don-florencio.html


Tamén poderedes visitar, nos corredores da ESO, a exposición sobre a súa vida e obra, e participar nun pequeno concurso que convocará o EDNL

venres, 29 de abril de 2022

EN MAIO E XUÑO IMOS TER MOITAS VISITAS

 Na reunión do pasado luns fíxose un recordatorio dos próximos encontros con varios escritores/as que nos van visitar no centro, e comentáronse as súas obras que xa leron ou están lendo a maior parte dos membros do club, e tamén alumnado e profesorado que non pertence formalmente ao club, pero que seguen no posible as nosas recomendacións.

Lembrámosvos que todas estas citas terán lugar na biblioteca, na hora de reunión do Club de lectura (xa sabedes, ás 15.30, antes das clases da tarde), pero estarán abertas a quen queira asistir. Só se apartará deste horario o encontro con Arantza Portabales, que será algo máis tarde, na sala de usos múltiples, pois por motivos laborais resúltalle imposible chegar antes ou vir outro día.

Velaí, pois, o noso calendario de encontros literarios de primavera:

O vindeiro luns, 2 de maio, recibiremos a Cristian Caruncho, que nos falará da súa obra Grandarroiba... e algo máis.





Unha semana despois, o luns 9 de maio, estará connosco o poeta Antón Recamán, que coñecemos ben porque é profesor no noso IES e ademais coordina a sección de cómic e manga deste club. Presentaranos o seu novo poemario e falaremos tamén con el do anterior.



O mesmo día 9 de maio, pero no horario de tarde, a partir das 16.45, gozaremos dun encontro coa novelista Arantza Portabales, que falará do seu último libro pero tamén do conxunto da súa obra, e responderá ás preguntas do alumnado.



Finalmente, o día 6 de xuño recibiremos a visita dun dos autores máis lidos este curso no club, Manuel Iglesias Turnes, que falará da súa última novela pero tamén das dúas anteriores, así como da historia e a situación actual do rural galego.



Non faltedes, e se queredes que vos asinen os seus libros, non esquezades traelos!


luns, 28 de marzo de 2022

Á VOLTA DAS VACACIÓNS...

 Para a próxima semana estaremos de vacacións, e á volta, o luns 25, toca celebrar a xuntanza do mes de abril, na que se comentarán as últimas lecturas e tamén se falará das próximas visitas de varios autores e autoras.

Esta vez será sen a coordinadora do club, que ese día ten RUTA LITERARIA en Lugo co alumnado de 1º da ESO, en relación con este libro que estiveron lendo as últimas semanas deste trimestre na súa "Hora de ler" semanal:


Aproveitamos para recomendarvos a súa lectura. Titúlase Contos de fantasmas no museo, contén catro relatos de cadanseu autor/a importante no panorama literario actual (Ledicia Costas, Anxo Fariña, Andrea Maceiras e Carlos Negro), e podedes collelo en papel na Biblioteca, ou ben descargalo da páxina do Museo Provincial de Lugo mediante esta ligazón




martes, 22 de marzo de 2022

ONTE FALAMOS DE...

 Na nosa primeira reunión da primavera fixemos, coma sempre, un repaso das nosas últimas lecturas e, tamén como adoitamos facer, cada unha das persoas que alí estabamos fixemos as nosas recomendacións.

Varias persoas comentan unha das lecturas recomendadas na sesión anterior: Azucre, da coruñesa Bibiana Candía. Foi unha das lecturas con mellor acollida nestas últimas semanas



Soraya recoméndanos unha obra doutra autora galega, aínda que escrita en castelán: La nostalgia de la mujer anfibio, de Cristina Sánchez Andrade (Anagrama). Trátase dunha novela que combina ficción cun feito real ocorrido hai un século.



Rocío continúa coa lectura das dúas últimas novelas de Arantza Portabales: Beleza vermella e A vida secreta de Úrsula Bas, que xa foron lidas tamén polos alumnos de 4º curso, entre os cales se atopan Sergio e Paula.

A coordinadora e a profesora do departamento de Lingua Galega lembran aos membros do club que proximamente esta autora visitará o noso centro, polo que convén axilizar estas lecturas se se desexa comentalas con ela, e recomenda tamén unha obra anterior: Deixe a súa mensaxe despois do sinal.

    



Sergio decidiuse por Senlleiras, de Antía Yáñez, e fai unha valoración moi positiva desta novela.

Aproveitamos para suxerir a lectura da súa nova publicación, acabada de chegar e na que se aborda, entre outros, o tema da saúde mental: Non penses nun elefante rosa.

  



Pola súa parte, esta vez Paula decidiu atreverse a abordar unha novela en inglés: The handmaid's tale. Comenta que non lle está resultando demasiado doado pero que, por outra parte, lle axuda o feito de coñecer xa o tema e argumento da obra.
Pola nosa parte, aínda que fomentamos a lectura preferentemente en galego, tamén consideramos importante abordala noutras linguas, polo que felicitamos a Paula por animarse a ler na lingua orixinal da autora.



Varias persoas están tamén a ler ou reler as novelas de Manuel Iglesias Turnes, que tamén nos visitará esta primavera, así como outras das recomendadas en reunións anteriores.

domingo, 20 de marzo de 2022

NON ESQUEZADES A REUNIÓN

 LEMBRADE!



MAÑÁ LUNS XUNTARÉMONOS PARA FALAR DE LIBROS E DAS NOSAS ÚTIMAS LECTURAS.

NO LUGAR E Á HORA DE SEMPRE:

ÁS 15:00 HORAS NA BIBLIOTECA


NON FALTEDES!

luns, 7 de marzo de 2022

Resumimos a última reunión e convocamos a seguinte

Entre actividades diversas e avaliacións, fóisenos un pouco das mans a actualización deste blog, e aínda agora vos presento o resumo do que falamos na pasada reunión 

Mario comentounos as súas últimas lecturas: unha en galego, O que sei do silencio, de Andrea Maceiras e un clásico da literatura castelá, o Lazarillo de Tormes.


Ao mesmo tempo recoméndanos Las lágrimas de Shiva, de César Mallorquí, e a súa continuación, El círculo escarlata.


Continuando coas lecturas e recomendacións dos máis novos do club, escoitamos a Paula, que nos comentou e recomendou un libro de non ficción sobre o tema da saúde mental: Por si las voces vuelven, de Ángel Martín.


Alicia e Carmiña seguiron algunhas das recomendacións que xurdiron da reunión anterior e leron, respectivamente, O Cabo do mundo, de Xavier Quiroga, e Golpes de luz, o último de Ledicia Costas.



Pola súa parte, Daniel tamén quixo seguir as recomendacións de reunións anteriores, e ao mesmo tempo lembrar a recentemente falecida Almudena Grandes, e decidiuse polo segundo dos seus Episodios de una guerra interminable: El lector de Julio Verne.



Antón recoméndanos un libro informativo de Carlos Briones: Estamos solos? e tamén un clásico: Colmillo blanco, de Jack London.


E chegou a quenda de Soraya, a máis  lectora do grupo. Nesta ocasión fálanos, coma sempre, de varios títulos que estivo lendo: Azucre, de Bibiana Candía, Buena mar, do xornalista Antonio Lucas, El año del pensamiento mágico, de Joan Didion, Casas vacías, de Brenda Navarro, e por último un libriño ilustrado: Más puta que las gallinas y otras animaladas machistas



Finalmente, Chus falounos da súa última lectura, esta vez de divulgación científica: La vida contada por un sapiens a un neandertal, de Juan Luis Arsuaga e Juan José Millás. Recomendable porque trata o tema da evolución -e outros- dun xeito moi ameno e doado de seguir.




E recoméndanos o terceiro libro de Manuel Iglesias Turnes, Os soños de Miguel, e tamén, para quen aínda non os leu, os  dous anteriores do autor, que tiveron bastante éxito entre alumnado e profesorado en cursos anteriores: As rapazas de Xan e Que non te aten




 Reunirémonos de novo dentro de dúas semanas: o luns 21, no lugar e á hora de sempre

Boas lecturas! 

ATA SETEMBRO!

  Onte tivemos a nosa última xuntanza deste curso. Acompañounos David Cortizo Nieto, autor de Púrpura Tero Para pechar este curso que dedica...