luns, 28 de decembro de 2015

Reunión do 16 de novembro

Despois do "intenso" inicio de actividades do Club en outubro, a reunión de novembro tivo un carácter máis distendido e estritamente literario co inicio da valoración das lecturas escollidas.
Empezando polas lecturas en galego, todos os membros do Club coincidiron en sinalar como moi pertinente e axeitada a lectura do poemario Terra Chá de Manuel María (realizada pola totalidade dos membros do Club), por canto nos permitiu completar a lectura coa visita á Fundación Manuel María, onde se nos ofreceu una perspectiva moi ampla da vida e obra deste autor.


Respecto á 2ª das lecturas en galego, Morena,perigosa e románica, de Pedro Feijoo, escollida pola maioría do profesorado e por algún dos alumnos, coincidimos en sinalar a sorpresa inicial debida ás diferenzas cos libros anteriores do autor e o uso da comicidade como elemento central da novela. A este respecto, algún dos alumnos do Club que non estaban o curso pasado escolleron a lectura das novelas anteriores do autor, como Memoria da Choiva, e iniciaron un debate moi interesante respecto das similitudes e diferenzas co texto máis novo.



Respecto das lecturas en castelán, nesta reunión valorouse Percy Jackson y el ladrón del rayo, de Rick Riordan (1º vol. da saga) que foi a escolla maioritaria entre o alumnado do Club. Deste texto realizamos un primeiro achegamento na que se puxeron de manifesto aspectos como a reutilización dos mitos clásicos  gregos, as similitudes con outras sagas xuvenís (Harry Potter) ou a posibilidade de conectar estes mitos coa actualidade.


Respecto á 2ª lectura en castelán, os volumes Historia de Dark e Historia de Lynda (Odio el rosa 2), só nos deu tempo a realizar un breve comentario de Historia de Dark por parte dunha das alumnas do Club.


Ningún comentario:

Publicar un comentario

O QUE IMOS LER ESTE MES É...

  Nesta primeira reunión, ademais das presentacións e a cata de galletiñas de benvida, falamos do plan de lecturas que temos para ir comezan...