Trátase da novela que inaugurou a serie "Episodios de una historia interminable", da que ata o de agora coñecemos as entregas: "El lector de Julio Verne" (2012), "Las tres bodas de Manolita" (2014) e "Los pacientes del doctor García" (2017). A nosa compañeira do Club explicounos o argumento desta novela, así como das posteriores a ela e enlazounas con outras novelas de recente aparición que recrean os anos da Guerra Civil e o franquismo. Para máis información recomendounos o visionado da páxina web da autora.
A 2ª proposta da lectura da nosa compañeira foron as novelas de Manuel Iglesias Turnes: "As rapazas de Xan" (2012) e "Que non te aten" (2016).
Para a nosa compañeira a posta en valor da vida no mundo rural, tanto no pasado coma no presente que se pon de manifesto na obra narrativa deste autor é singular no panorama da literatura galega contemporánea. Está previsto ademais que o escritor nos visite no mes de maio para realizar un encontro literario cos membros do Club polo que se propoñen os dous textos como lectura.
Para rematar a reunión, a Coordinadora do Club presentou unha 3ª proposta de lectura, destinada inicialmente aos membros do profesorado do Club de Lectura. Desde que comezaron a organizarse os roteiros literarios do CAFI, estes foron aproveitados por varios membros do profesorado deste Club como ocasión para achegarse ás propostas de lectura e para coñecer aos autores das mesmas e achegarse á atmosfera na que estas foran creadas. No curso pasado "Todo esto te daré / Todo isto che darei" de Dolores Redondo foi unha proposta de lectura deste Club cunha magnífica aceptación.
Neste curso o CAFI propón un roteiro literario a celebrar no mes de xuño que combina esta obra con outra do escritor galego Xabier Quiroga, "O Cabo do Mundo" e, como varios dos profesores do Club están interesados neste roteiro, a coordinadora realizou unha breve presentación da obra deste autor e recomendou a lectura de "O Cabo do mundo" (2009) e de "Izan o da saca" (2015) por compartir ambos libros un marco espacial (a Ribeira Sacra) e temporal (o presente e o pasado franquista).
Unha vez repartidas estas propostas de lectura entre os membros do Club, acordamos volver a reunirnos antes de Semana Santa para realizar unha 1ª valoración destas lecturas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario