martes, 27 de marzo de 2018

6ª reunión do curso (19 de marzo de 2018)

Tal e como acordamos ao inicio de curso, a reunión previa ás vacacións de Semana Santa estivo dedicada á presentación por parte de cada un dos membros do Club das nosas recomendacións lectoras. Así, tanto alumnado como profesorado falamos daqueles textos literarios que cremos de interese para os nosos compañeiros, tanto sexan de actualidade como clásicos. Foi unha reunión estupenda en canto á variedade é á calidade das propostas ofertadas; hai para escoller...

A profesora Rosa Quinteiro falounos de 2 títulos en banda deseñada: o primeiro titúlase 'Papel estrujado' de Nadar (pseudónimo de Pep Domingo). Editado en 2013, está protagonizado por un conflitivo adolescente de 16 anos e un home de mediana idade desencantado da vida.



A segunda proposta titúlase 'Valerosas: mujeres que solo hacen lo que ellas quieren' de Penélope Bagieu. Trátase de 2 volumes aparecidos en castelán en 2017 que suman 30 retratos de mulleres que reinventaron os seus destinos.


A profesora Isabel Rodríguez traía unha triple proposta lectora: 'Relatos de un náufrago' de Gabriel García Márquez, 'Erros e Tánatos' de Gonzalo Navaza e 'Anxos en tempos de chuvia' de Miguel Vázquez Freire.



Para a nosa compañeira, podemos escoller entre a intensa brevidade da historia do náufrago, a alta calidade dos relatos de Gonzalo Navaza e ou a triste historia da adolescente Anxos. Textos breves, pero de calidade, para gozar estas vacacións.

O profesor José Manuel Pérez tamén traía unha triple presentación: en 1º lugar,  quixo presentarnos a obra do escritor francés Emmanuel Carrêre a través de dúas das súas obras: 'El adversario' e 'El reino'. Jose destaca deste escritor a profundidade na creación dos personaxes, moitas veces tomados da realidade, a súa capacidade para ofrecernos unha visión máis profunda e ás veces desacougante dos mesmos.




A 3ª proposta de Jose Manuel era o clásico norteamericano 'A estrada' de Cormac McCarthy, así como a súa versión cinematográfica, protagonizada por Viggo Mortensen. Trátase dunha historia postapocalíptica na que un pai e o seu fillo recorren unha Norteamérica devastada por un acontecemento nuclear.




A profesora Rocío Romero, pola súa banda, compartiu connosco a súa valoración de 'Patria' de Fernando Aramburu, unha novela xa compartida por outros membros do Club como Diego Vázquez.


A profesora Marina Rial falounos de 'El niño con el pijama de rayas' de John Boyne, que tamén conta cunha versión cinematográfica.

.


E para rematar coa quenda do profesorado, a coordinadora do Club falounos de 2 novidades literarias: a reedición de 'Diario da luz e da sombra' (2004), de María Victoria Moreno, co gallo do Día das Letras 2018, e a última entrega de Fernando Aramburu, 'Autorretrato sin mi' (2018).


Para a coordinadora trátase de 2 lecturas que descobren a interioridade dos seus autores e ofrecen páxinas de verdadeira beleza sobre o sentido da vida e do paso do tempo.

As recomendacións do noso alumnado do Club de lectura comezaron con Alberto Miranda, quen se decantou por 'A praia dos afogados' de Domingo Villar. Para Alberto é unha novela que te engancha desde o primeiro momento e moi adecuada para estes días festivos. Tamén se pode completar, como en recomendacións anteriores coa versión cinematográfica.




Pola súa banda, Diego Vázquez falounos de 'Fariña' de Nacho Carretero, un libro de enorme repercusión mediática neste momento pola sentenza xudicial que pesa sobre el. Diego falounos do libro (posúe un exemplar!) e de como o enganchou a historia que alí se conta. Os outros membros do Club, moitos dos cales está a ver a serie de TV baseada no libro, preguntáronlle pola relación entre o libro e a serie.





Balbina Rodríguez tamén trouxo 2 propostas á reunión: 'Recordarán tu nombre' de Lorenzo Silva e 'Justicia ¿Hacemos lo que debemos?' de Michael J. Sandel. A 1ª proposta é unha novela que recrea a postura dun militar leal á República no Golpe de estado de 1936. A 2ª é un ensaio sobre o papel da sociedade nu cumprimento da xustiza, se é algo individual ou se cedemos esa responsabilidade ao Estado.





A alumna Nerea Rojo falounos de 'Rebelde' de Manuel L. Alonso, unha novela que amosa a amizade e os conflitos dos adolescentes.


Pechou a quenda do alumnado Natalia Lema cunha dupla recomendación procedente da literatura hispanoamericana: 'Un viejo que leía novelas de amor' do escritor chileno Luis Sepúlveda e 'Las batallas en el desierto' do escritor mexicano José Emilio Pacheco. Para Natalia, a 1ª proposta é unha novela que encarna a vellez, o amor, a soidade e a idiosincrasia dun pobo; a 2ª é unha novela de desesperación, de amor entre idades diferentes, de vidas que parecen truncadas polo destino e as decisión que nos obrigan a tomar..



Non houbo tempo para máis... Varios membros do Club quedaron se poder intervir e quedounos tamén pendente a valoración das propostas de lectura que temos entre mans. Así, fixouse a vindeira reunión para a volta das vacacións, o luns 16 de abril. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario

O QUE IMOS LER ESTE MES É...

  Nesta primeira reunión, ademais das presentacións e a cata de galletiñas de benvida, falamos do plan de lecturas que temos para ir comezan...