mércores, 6 de xuño de 2018

10ª reunión do club (4 de xuño de 2018)

 E chegamos ao final do camiño...

A última reunión do Club por este curso celebrouse, como xa vén sendo o habitual nos últimos anos, cun xantar compartido na Biblioteca, acompañado das sobremesas que trouxeron os membros. Vaia magdalenas as de Nerea e María!



Nesta última reunión houbo tempo para facer a valoración final das lecturas do 2º cuadrimestre que nos quedaban pendentes, 'Izan o da saca' e 'Inés y la alegría'. Ambas foran escollidas principalmente polos membros do profesorado do Club, que resaltaron a intriga desenvolvida en 'Izan...' e a sorpresa que implicou para moitos ao descubrir o intensa que fora a presenza nazi en Galicia. Tamén se apuntou o feito de que fose un tema que comeza a aparecer na narrativa galega dos últimos anos. Así apuntáronse títulos como 'De cabalos e lobos' (2015) de Fran P. Lorenzo.


De 'Inés y la alegría' resaltouse a ambición narrativa de Almudena Grandes no seu intento de dar voz aos personaxes anónimos da posguerra española, ás persoas comúns que non saen nos libros de Historia pero que si contribúen a facela.



Neste sentido, os membros do Club manifestaron a intención de continuar o vindeiro curso co 2º volume desta serie de "Episodios de una guerra interminable", 'El lector de Julio Verne' (2012).



Xa nas sobremesas, houbo tempo para facer valoración de como se desenvolveu este curso o Club de lectura. Pedimos sobre todo a opinión dos membros, profesores e alumnos, que se incorporaran por 1ª vez. Para María e Nerea (2º ESO), o mellor son as comidas cos compañeiros, ese tempo compartido fóra da rutina habitual das clases e tamén a posibilidade de ler outras cousas que non son as obrigatorias e compartilas a outro nivel. Para as profesoras Rosa e Isabel (novas este curso) era a 1ª vez na súa vida que estaban nun Club de lectura, malia ser as dúas grandes lectoras, e destacaban o gran ambiente que se creaba nas reunións, a posibilidade de interactuar cos alumnos a outro nivel fóra das aulas e a gran cantidade de libros lida por suxestión doutros membros do Club. Para o resto dos membros do Club, xa máis veteráns, o mellor deste curso foron as lecturas escollidas e tamén o encontro con Iglesias Turnes na anterior reunión.
Houbo momentos tamén para as despedidas xa que hai unha alumna (Gala Cernadas), que remata os seus estudos de 2º de Bach e que foi membro do Club durante toda a súa etapa académica, e para lembrar a antigos membros do Club como Eva Olveira ou a profesora Isabel Regueiro a quen botamos de menos este curso. Aquí están as dúas na comida do ano pasado:



Xa para finalizar a reunión tamén houbo tempo, como non!, para as recomendacións lectoras e para anticipar outra das propostas de lectura para o curso que vén. A profesora Chus Barbeira -coordinadora tamén do Club de lectura de 1º da ESO recomendounos a última novela de John Boyne, El niño en la cima de la montaña (2016)


e desvelounos que a lectura de 'Costa do Solpor. O regreso á Illa do Tesouro' (2017) de Xosé Mª Lema irá acompañada o curso que vén dun roteiro co propio autor para os membros do Club de Lectura, polo que nos animou a iniciar canto antes a lectura.


A Coordinadora do Club recomendounos 2 libros, non de narrativa!: o ensaio de Manuel Rivas Contra todo isto (2018) e o poemario de Antía Otero O cuarto das abellas (2017).




A profesora Marina recomendounos unha tradución ao galego, a novela O hibisco púrpura (2017), da escritora nixeriana Chimamanda Ngozi Adichie.




A profesora Rosa recomendounos a novela gráfica Estamos todas bien (2017) de Ana Penyas.





Natalia recomendounos La canción de Shao Li (2009), de Marisol Ortiz de Zárate.





Foi unha gran reunión que nos anima a continuar co Club o curso que vén. E xa levamos 6!!


9ª reunión do curso (14 de maio de 2018)


Na Semana das Letras Galegas, a nosa sesión do Club de Lectura tivo como eixo central a visita do escritor Manuel Iglesias Turnes, con quen dialogamos a propósito das súas novelas 'As rapazas de Xan' e 'Que non te aten'.



Foi unha sesión intensa na nosa propia Biblioteca onde Manuel Iglesias compartiu connosco as súas inquedanzas máis humanas e persoais sobre o proceso que o levou á escritura. Quedounos moi claro que a súa narrativa bebe da súa propia experiencia vital e profesional  que con ela busca reivindicar a Galicia do rural, do pasado e do presente.



Houbo tempo tamén para as nosas preguntas e para compartir co autor un fenómeno moi curioso que deriva da lectura dos seus libros: para moitos de nós e, tamén, para moitos membros das nosas familias (nais de profesores e alumnos e tamén avoas), os libros de Iglesias Turnes son, en palabras da nai de Jose (profesor de matemáticas), "de verdade"; ata o punto de que Jose lle explicou a Iglesias Turnes que a súa nai, que non le habitualmente e menos libros en galego, devorou este libro e agora non fai máis que esixirlle ao seu fillo que lle traia máis libros coma eses, que conten "cousas reais". Trátase de algo habitual entre os seus lectores que se recoñecen a eles mesmos ou recoñecen as súas propias lembranzas familiares nos libros do autor. Para Iglesias Turnes este é un efecto co que el nunca chegou a contar e que o sorprende en todos os encontros que ten con lectores.




Houbo tamén momentos moi distendidos, nos que compartimos risas, e no que lle entregamos ao ator o noso agasallo: unha libreta e unha pluma, para que continúe a escribir e unha Mª Victoria Moreno, feita pola nosa compañeiras Nieves, para que nos lembre con cariño.

Todo un agasallo o que el nos fixo a nós coa súa presenza!

8ª reunión do curso (7 de maio de 2018)


A unha semana da visita de Manuel Iglesias Turnes, reunímonos co obxectivo de preparar este encontro co escritor.



Preparamos cuestións para lle preguntar, ideas que compartir con el respecta da lectura e tamén anécdotas persoais a respecto do curioso impacto que os seus libros están a ter entre persoas do nosos ámbito familiar e que queremos compartir con el.

7ª reunión do curso (23 de abril de 2018)


Nesta Semana do Libro tivemos reunión do club para facer valoración das lecturas que estamos a realizar, especialmente dos libros de Manuel Iglesias Turnes, que nos visitará  o 14 de maio.



O alumnado decántase por destacar a vindicación da vida no rural que se realiza en 'Que non te aten' posto que o habitual para eles non é ler libros de literatura galega actual con esta ambientacións, senón ambientados nas cidades ou memos fóra de Galicia. O profesorado do grupo sinala que 'As rapazas de Xan' está a resultar unha lectura que os conecta con experiencias e lembranzas familiares, con historias evocadas nas reunións de familia, ademais de compartir as opinións do alumnado.

Polo que respecta a 'Izan o da saca', de momento só varias profesoras do grupo se decantaron por esta lectura ao priorizar os libros de Iglesias Turnes pola visita do escritor, polo que esperaremos ás vindeiras reunións para a súa valoración. O mesmo ocorre coa proposta en castelán 'Inés y la alegría' de Almudena Grandes.

A reunión rematou coa presentación dun agasallo especial que a profesora Ana Penedo (veterana membro do Club e coordinadora TIC do centro) nos tiña preparado para o Día do Libro: modelados 3D feitos a partir de obxectos reais, os nosos libros do Club!

Estes son os libros do 1º cuadrimestre:



Estes son os do 2º cuadrimestre:




Foi un agasallo moi especial que valoramos todos con entusiasmo

Acordamos volver reunirnos o día 7 de maio para organizar o encontro con Iglesias Turnes (preguntas, rolda de intervencións, etc.).

O QUE IMOS LER ESTE MES É...

  Nesta primeira reunión, ademais das presentacións e a cata de galletiñas de benvida, falamos do plan de lecturas que temos para ir comezan...