mércores, 6 de xuño de 2018

10ª reunión do club (4 de xuño de 2018)

 E chegamos ao final do camiño...

A última reunión do Club por este curso celebrouse, como xa vén sendo o habitual nos últimos anos, cun xantar compartido na Biblioteca, acompañado das sobremesas que trouxeron os membros. Vaia magdalenas as de Nerea e María!



Nesta última reunión houbo tempo para facer a valoración final das lecturas do 2º cuadrimestre que nos quedaban pendentes, 'Izan o da saca' e 'Inés y la alegría'. Ambas foran escollidas principalmente polos membros do profesorado do Club, que resaltaron a intriga desenvolvida en 'Izan...' e a sorpresa que implicou para moitos ao descubrir o intensa que fora a presenza nazi en Galicia. Tamén se apuntou o feito de que fose un tema que comeza a aparecer na narrativa galega dos últimos anos. Así apuntáronse títulos como 'De cabalos e lobos' (2015) de Fran P. Lorenzo.


De 'Inés y la alegría' resaltouse a ambición narrativa de Almudena Grandes no seu intento de dar voz aos personaxes anónimos da posguerra española, ás persoas comúns que non saen nos libros de Historia pero que si contribúen a facela.



Neste sentido, os membros do Club manifestaron a intención de continuar o vindeiro curso co 2º volume desta serie de "Episodios de una guerra interminable", 'El lector de Julio Verne' (2012).



Xa nas sobremesas, houbo tempo para facer valoración de como se desenvolveu este curso o Club de lectura. Pedimos sobre todo a opinión dos membros, profesores e alumnos, que se incorporaran por 1ª vez. Para María e Nerea (2º ESO), o mellor son as comidas cos compañeiros, ese tempo compartido fóra da rutina habitual das clases e tamén a posibilidade de ler outras cousas que non son as obrigatorias e compartilas a outro nivel. Para as profesoras Rosa e Isabel (novas este curso) era a 1ª vez na súa vida que estaban nun Club de lectura, malia ser as dúas grandes lectoras, e destacaban o gran ambiente que se creaba nas reunións, a posibilidade de interactuar cos alumnos a outro nivel fóra das aulas e a gran cantidade de libros lida por suxestión doutros membros do Club. Para o resto dos membros do Club, xa máis veteráns, o mellor deste curso foron as lecturas escollidas e tamén o encontro con Iglesias Turnes na anterior reunión.
Houbo momentos tamén para as despedidas xa que hai unha alumna (Gala Cernadas), que remata os seus estudos de 2º de Bach e que foi membro do Club durante toda a súa etapa académica, e para lembrar a antigos membros do Club como Eva Olveira ou a profesora Isabel Regueiro a quen botamos de menos este curso. Aquí están as dúas na comida do ano pasado:



Xa para finalizar a reunión tamén houbo tempo, como non!, para as recomendacións lectoras e para anticipar outra das propostas de lectura para o curso que vén. A profesora Chus Barbeira -coordinadora tamén do Club de lectura de 1º da ESO recomendounos a última novela de John Boyne, El niño en la cima de la montaña (2016)


e desvelounos que a lectura de 'Costa do Solpor. O regreso á Illa do Tesouro' (2017) de Xosé Mª Lema irá acompañada o curso que vén dun roteiro co propio autor para os membros do Club de Lectura, polo que nos animou a iniciar canto antes a lectura.


A Coordinadora do Club recomendounos 2 libros, non de narrativa!: o ensaio de Manuel Rivas Contra todo isto (2018) e o poemario de Antía Otero O cuarto das abellas (2017).




A profesora Marina recomendounos unha tradución ao galego, a novela O hibisco púrpura (2017), da escritora nixeriana Chimamanda Ngozi Adichie.




A profesora Rosa recomendounos a novela gráfica Estamos todas bien (2017) de Ana Penyas.





Natalia recomendounos La canción de Shao Li (2009), de Marisol Ortiz de Zárate.





Foi unha gran reunión que nos anima a continuar co Club o curso que vén. E xa levamos 6!!


Ningún comentario:

Publicar un comentario

O QUE IMOS LER ESTE MES É...

  Nesta primeira reunión, ademais das presentacións e a cata de galletiñas de benvida, falamos do plan de lecturas que temos para ir comezan...