mércores, 6 de xuño de 2018

9ª reunión do curso (14 de maio de 2018)


Na Semana das Letras Galegas, a nosa sesión do Club de Lectura tivo como eixo central a visita do escritor Manuel Iglesias Turnes, con quen dialogamos a propósito das súas novelas 'As rapazas de Xan' e 'Que non te aten'.



Foi unha sesión intensa na nosa propia Biblioteca onde Manuel Iglesias compartiu connosco as súas inquedanzas máis humanas e persoais sobre o proceso que o levou á escritura. Quedounos moi claro que a súa narrativa bebe da súa propia experiencia vital e profesional  que con ela busca reivindicar a Galicia do rural, do pasado e do presente.



Houbo tempo tamén para as nosas preguntas e para compartir co autor un fenómeno moi curioso que deriva da lectura dos seus libros: para moitos de nós e, tamén, para moitos membros das nosas familias (nais de profesores e alumnos e tamén avoas), os libros de Iglesias Turnes son, en palabras da nai de Jose (profesor de matemáticas), "de verdade"; ata o punto de que Jose lle explicou a Iglesias Turnes que a súa nai, que non le habitualmente e menos libros en galego, devorou este libro e agora non fai máis que esixirlle ao seu fillo que lle traia máis libros coma eses, que conten "cousas reais". Trátase de algo habitual entre os seus lectores que se recoñecen a eles mesmos ou recoñecen as súas propias lembranzas familiares nos libros do autor. Para Iglesias Turnes este é un efecto co que el nunca chegou a contar e que o sorprende en todos os encontros que ten con lectores.




Houbo tamén momentos moi distendidos, nos que compartimos risas, e no que lle entregamos ao ator o noso agasallo: unha libreta e unha pluma, para que continúe a escribir e unha Mª Victoria Moreno, feita pola nosa compañeiras Nieves, para que nos lembre con cariño.

Todo un agasallo o que el nos fixo a nós coa súa presenza!

Ningún comentario:

Publicar un comentario

O QUE IMOS LER ESTE MES É...

  Nesta primeira reunión, ademais das presentacións e a cata de galletiñas de benvida, falamos do plan de lecturas que temos para ir comezan...