Para este curso tan peculiar que temos por diante propoñémonos un Itinerario lector a través de unha das temáticas de máis exíto da literatura galega deste segunda década do século XXI: a presenza dos nazis en Galicia. Esta temática, moi relacionada coa memoria histórica dos tempos da Guerra Civil e a posguerra, permítenos afondar nun dos episodios máis descoñecidos da nosa historia recente: a posición estratéxica de Galicia durante a Segunda Guerra Mundial, tanto para os alidos como para os nazis, e a presenza destes últimos no noso territorio despois da contenda buscando refuxio e como lugar de paso cara América.
Para afondar nesta temática podemos escoller entre os seguintes títulos:
A cova das vacas mortas, Jaureguízar, Xerais, col. Fóra de xogo. 2006.
Podemos considerala un claro precedente (publicouse en 2006, obtendo o Premio Fundación Caixa Galicia de Literatura Xuvenil) desta temática. Na novela o protagonista (Xoel) é neto dun antigo nazi vinculado a Leni Riefenstalh e descobre que moi preto del (Negueira de Muñiz) viven agochados antigos xerarcas nazis.
Podemos consultar desde aquí a Ficha de lectura desta obra, así como unha axeitada recensión da mesma.
Máis recentes e tamén encadrables dentro da chamada "literatura xuvenil" temos outras dúas propostas:
Memoria do silencio, Eva Mejuto, Xerais, col. Fóra de Xogo, 2019
Nesta novela (finalista do Premio Jules Verne e Lista de Honra 2019 da OEPLI) ambientada na Ribadavia de 1943 un espía nazi intenta destapar unha trama internacional que axuda os xudeus a chegar a Portugal e abandonar Europa. Cómpre destacar que as irmás Touza da novela existiron en realidade e tiveron un papel moi destacado nesa trama internacional destimada a salvar seres humanos da barbarie nazi.
Podemos consultar desde aquí a Ficha de lectura desta obra, así como una recensión da mesma.
Wolfram. Espías, nazis e maquis, Alberto Varela Ferreiro, Xerais, 2020
Nesta estupenda novela gráfica, un espía inglés co nome de W. C. Morgan chega á Galicia de 1939 para investigar ata que punto chega a presenza nazi no noso territorio.
Podemos consultar aquí unha recensión da mesma.
Para este itinerario temos 4 títulos aparecidos en colección para adultos. Trátase de:
Cabalos e lobos, Anxo P. Lorenzo, Xerais, 2015.
Esta novela, que obtivo o Premio Blanco Amor no 2014, está ambientada en Vigo en 1972 e nela a protagonista, descendente de alemáns, debe enfrontarse aos vencellos da súa familia e da cidade na que vive co nazismo.
Podemos consultar aquí unha excelente recensión da obra.
Por que as sombras non teñen ollos, Luís García-Mañá, Xerais, 2015.
Esta novela está ambientada en 1944 na fronteira entre Galicia e Portugal onde espías nazis e aliados intentan atopar a documentación que se transportaba nun avión inglés que se estrelou na Serra da Pena, á altura do marco nº 125 da fronteira entre Galiza e Portugal, entre o concello de Calvos de Randín e a vila portuguesa de Montealegre.
Podemos consultar aquí unha excelente recensión da obra.
Izan o da saca, Xabier Quiroga, Xerais, 2015. XXII Premio Literario San Clemente, 2016.
Nesta novela un investigador acepta o delicado encargo dun coñecido político e empresario galego de desentrañar un suposto pasado nazi co que os seus inimigos poden relacionalo. Con este encargo, realizarase unha perigosa pescuda sobre un dos feitos históricos máis intrigantes da posguerra: a misteriosa «Ruta das ratas» ao seu paso polo noroeste da península Ibérica e cara ao refuxio nazi en América do Sur.
Pódese consultar aquí unha estupenda recensión da novela.
O exército do fume, Manuel Gago, Xerais, 2018.
A novela está situada en 1942 cando Galicia vive dúas guerras ocultas ao tempo: na costa, nazis e aliados combaten no mar e nos portos polo dominio do Atlántico; no interior, a resistencia enfróntase teimuda ao poder de Franco, ata que todo se cruza cando unha mestra recibe o seu primeiro destino nunha distante aldea da Costa da Morte.
Pódense consultar aquí a presentación da novela que o autor realiza no seu blog persoal e unha entrevista co mesmo sobre a obra.
Para todos aqueles que queirades "aprofundar" nesta temática, podedes consultar estes artigos de prensa:
-
https://www.farodevigo.es/galicia/2009/07/28/huella-nazi-galicia-17915001.html
-
https://www.elconfidencial.com/espana/galicia/2020-02-22/familia-franco-venta-legado-nazi_2460691/
-
https://www.vigoe.es/vigo/mas-vigo/galicia-el-eslabon-oculto-de-hitler/
-
http://www.galiciaartabradigital.com/archivos/137258
-
https://www.eldiario.es/galicia/casaio-secretos-wolframio-empresa-galicia_1_2737629.html
De toda a selección quedo, sen dúbida, cos dous últimos. Os dous maxistralmente escritos, como é de esperar tratándose destes dous autores, para min do melloriño da narrativa galega actual, os dous cunha trama das que enganchan, e os dous tamén dúas obras necesarias pola súa ambientación nunha época e cuns feitos históricos de fondo que aínda falta bastante para que estean suficientemente explicados e coñecidos.
ResponderEliminarAdemais o de Gago ambiéntase por aquí cerca, e isto supón un valor engadido para min e supoño que para moita xente veciña desta bisbarra
E falando de avións da II Guerra Mundial que chegan por aquí, lembro que o de García Mañá, Por que as sombras non teñen ollos, tamén me gustara moito, pero non podo facer comentarios concretos porque hai máis tempo que o lin e xa o teño que volver ler porque non me acordo de moito. O mesmo me pasa tamén co de Jaureguízar: a memoria xa non é o que era
Por último, Wolfram, o último que lin, está ben, correcto, tampouco é que me parecese nada do outro mundo, pero ben dentro do tema que guía este itinerario de nazis, guerras, espías, minas, uniformes, fuxidos, avións, montes, fronteiras, estraperlo e contrabando. Todo un pack máis que interesante para pasar este inverno enmascarado.
Opinión Ana Penedo sobre As sombras non teñen ollos:
ResponderEliminarDinámico, curto, entretido e moi predecible. Destacar o ben que descrebe o autor os costumes da época dende o punto de vista duhna muller de cidade e estranxeira. Letura moi recomendable para una tarde de vacacións que estea mal tempo e non apeteza saír da casa.
O léxico: levaba tempo sen ler en galego e custoume acostumarme ao principio a unha fala tan galega como a que usa o autor.