martes, 20 de decembro de 2022

TERCEIRA XUNTANZA

 

A novela que comentamos nesta xuntanza é Del color de la leche, que nos permitiu coñecer outra forma pouco habitual de narrar que, ao principio, pode dificultar entrar na historia, pero que moi pronto captamos a mensaxe e nos deixamos atrapar pola mesma.

Con ela emocionámonos, enfadámonos, rimos… un libro dos que gustan, deses que terminas e queres que todo o mundo o lea.

Na mesma liña, a autora escribiu La escuela de canto, da que tamén falamos porque varios dos integrantes do club se animaron a lela.




Para o próximo mes leremos Deixe a súa mensaxe despois do sinal, de Arantza Portables. Autora que xa coñecemos porque o alumnado de cuarto da ESO leu Beleza Vermella, que tamén leron varios membros do club de lectura, xunto con A vida secreta de Úrsula Bas, e en xuño do curso pasado fíxonos unha visita ao centro.

 

Anímate e ven o 13 de febrero!

E ata entón... BO NADAL!

luns, 7 de novembro de 2022

SEGUNDA XUNTANZA

 

Desta volta reunímonos para comentar a obra Un elefante na sala de estar. Esta novela, a pesar de ser xuvenil, trata moitos temas fundamentais que nos permitiron compartir as nosas impresións persoais sobre a vida e as propias experiencias de cada un.

Trátase dunha aposta diferente coma segura onde Berta Dávila nos achega a saúde mental e a perda dende un punto de vista diferente e caleidoscópico.

Aproveitamos tamén a ocasión para recomendar outra obra súa, Os seres queridos (Premio Xerais 2022), así como outras lecturas que fixemos á marxe do club: Las herederas de la Singer (Ana Lena Rivera) ou Las modernas (Ruth Prada).



Finalmente, acordamos que a nosa seguinte lecura será Del color de la leche (N. Leyshon).

 


Quedamos na biblio o 19 de decembro!

martes, 11 de outubro de 2022

PRIMEIRA XUNTANZA

 

Onte celebramos a primeira xuntanza do noso Club. Esta foi unha xuntanza para coñecer os integrantes do club, aínda que case todos somos vellos coñecidos porque formamos parte del en anos anteriores, e presentouse o itinerario lector para este curso: “Autoras e personaxes femininas”. De tal xeito que proporemos lecturas cuxa autoría sexa feminina e as personaxes protagonistas sexan mulleres.

Tras mostrar varias obras que encaixan nesta proposta, entre todos decidimos que a nosa primeira lectura fose Un elefante na sala de estar, de Berta Davila.  

Vémonos o 7 de novembro para comentala!

 
Ademais, tamén tivemos tempo para comentar e recomendar algunas das lecturas que fixemos no verán como Los vencejos (F. Aramburu), Nos vemos allá arriba (P. Lemaitre) ou Azucre (B. Candia).

 






luns, 3 de outubro de 2022

ARRANCAMOS O DÍA 10!

 O próximo luns, día 10, teremos a nosa primeira xuntanza. Xa sabes: na biblioteca ás 3 e media, antes das clases da tarde.

Anímaste?




mércores, 28 de setembro de 2022

SE CHE GUSTA LER... AGARDÁMOSTE NO NOSO CLUB!

Gústache ler? Gústache falar, comentar as túas lecturas, escoitar os comentarios doutras persoas, e recomendar ou suxerir libros ou cómics a outros?

Entón a biblioteca e os seus clubs de lectura estante agardando!


 

·                     Podes apuntarte no Club de Lectura Letraferit, que existe desde o curso 2012-2013, e do que pode formar parte o alumnado, profesorado e persoal non docente que o desexe.  

        Reunímonos na Biblioteca do IES en horario de 3.30 a 4.30 o último luns de cada mes,  e nesas reunións poñemos en común as nosas lecturas, facendo propostas de lectura e comentando o que lemos ou estamos a ler.

        Este curso o Club estará coordinado pola profesora Soraya Varela, de Lingua Castelá.

        Para máis información e para inscribirte podes falar con Soraya, Rocío ou  Chus Barbeira.

 

·                          Tamén podes participar no club de lectura de cómic e mangaque se reúne nos recreos segundo as convocatorias que vos vaia facendo o seu coordinador, que é o profesor Antón Riveiro.

        Para máis información e para inscribirte podes falar con Antón Riveiro, ou deixar a túa folla de inscrición na caixa que atoparás na biblioteca.


xoves, 23 de xuño de 2022

E NO VERÁN QUE IMOS FACER?

 O verán é longo e hai tempo para todo. Tamén para ler. O equipo da Biblioteca déixanos unhas recomendacións moi  variadas, para que poidamos escoller.


Boa lectura e bo verán!



mércores, 22 de xuño de 2022

REMATAMOS

 

   

Velaquí  a ilustración que nos deixou o debuxante Luís Caruncho como agasallo para a nosa Biblioteca, que por fin enmarcamos e colgamos xunto co debuxo orixinal do ilustrador Xosé Cobas que nos agasallara o pasado curso M. Iglesias Turnes, despois da ruta literaria polos escenarios da novela As rapazas de Xan.


Con moita présa e de xeito moi informal, todo motivado polo estrés dos últimos días de clase, este luns celebramos a nosa última reunión.

Nela, como é habitual, fixemos un pequeno repaso polo funcionamento e a marcha do club ao longo do curso. 

A valoración por parte dos membros do club foi en xeral positiva. Salientouse especialmente a variedade de propostas que foron saíndo á marxe das propostas "oficiais" iniciais. O grupo é consciente da importancia do itinerario lector como  punto de partida, e tamén como excusa para volver a retomar lecturas xa clásicas ou editadas hai tempo, evitando a tendencia a ir sempre buscando as novidades editoriais. Non obstante, valoramos positivamente o feito de que se permita e se favoreza a variedade de propostas, tanto en canto a xéneros como en formatos e temáticas moi diversas.

Propoñemos continuar na mesma liña o próximo curso.

En canto á sección do club de cómic manga AKIRA, que se reúne tamén mensualmente pero durante os recreos, polo que non asisten a esta reunión, a través do seu coordinador e de conversas informais cos seus membros, coñecemos tamén a súa valoración, que é moi positiva, tanto en canto aos contidos que foron lendo ao longo do curso como ao sistema de suxestións e comentarios proposto polo coordinador. Para o próximo curso esperan continuar na mesma liña, e seguramente seguir incrementando o número de persoas participantes. Aquí tedes unha imaxe dunha das últimas reunións do coordinador, Antón Riveiro, con alumnado dun dos grupos da ESO


Finalmente, rematamos a reunión recollendo as propostas de novas lecturas dos distintos membros asistentes, das cales a coordinadora do club e da biblioteca seleccionará as que tiveron máis apoios para incluílas no boletín de propostas de lecturas para o verán. 

Estade atentos, porque proximamente publicaremos nos blogs da biblioteca e do club de lectura, así como na páxina do IES, o noso boletín de lecturas para as vacacións

Bo verán e boas lecturas!

martes, 7 de xuño de 2022

PECHAMOS O CICLO DE VISITAS DE ESCRITORES

 



Onte recibimos o último dos autores cos que tiñamos unha importante cita este curso, e con esta visita pechamos o ciclo de encontros con escritores e escritoras para este curso.

O último autor que nos visitou foi Manuel Iglesias Turnes, que mantivo unha charla moi animada e interesante con varios dos membros do club de lectura (non todos pois, lamentablemente, estamos en plena semana de avaliacións e non todo o mundo puido achegarse a esta penúltima reunión do club.

Déixovos unha ligazón para que poidades ver, no blog xeral da biblioteca, a entrada coa que resumimos este encontro.

https://bibliosoneira-blogueira.blogspot.com/2022/06/e-o-ultimo-escritor-que-nos-visitou.html

Só queda engadir que Iglesias Turnes foi, xunto con Arantza Portabales, o autor máis lido este ano no noso club.

Parabéns e grazas a eles e a todos os lectores e lectoras que gozaron coa lectura das súas obras, e as que virán!

mércores, 18 de maio de 2022

OUTRA ENORME PERDA

 Hoxe temos que lamentar o falecemento de Domingo Villar, un grandísimo escritor e unha grandísima persoa.

O noso club volve estar de loito.

   
  

Sit tibi terra levis

mércores, 11 de maio de 2022

RESUMO DOS ENCONTROS CON AUTORES

 



Como xa fixemos nun post anterior, para non repetir o mesmo déixovos aquí as ligazóns ás entradas correspondentes do blog Bibliosoneira blogueira, onde se resumen os encontros con Cristian Caruncho, Antón Recamán e Arantza portabales.


https://bibliosoneira-blogueira.blogspot.com/2022/05/encontro-con-cristian-f-caruncho.html

 

https://bibliosoneira-blogueira.blogspot.com/2022/05/novo-poemario-de-anton-recaman.html

 

https://bibliosoneira-blogueira.blogspot.com/2022/05/encontro-con-arantza-portabales.html


Como vedes, tivemos variedade de xéneros: banda deseñada, poesía e narrativa





sábado, 30 de abril de 2022

LETRAS GALEGAS: FLORENCIO DELGADO GURRIARÁN

 Nas diversas clases, e ao longo do curso, xa estivemos falando da figura do autor a quen este ano se homenaxea no Dia das Letras Galegas.




Pero non podiamos deixar de lembralo tamén neste espazo.

Para non repetírmonos, podedes ver nestas ligazóns un par de entradas publicadas no blog xeral da biblioteca, unha sobre a ruta literaria que fixemos polos seus espazos vitais e literarios (na imaxe de arriba, un fragmento dun mural na súa aldea de Córgomo de Valdeorras), e a outra, para presentar as publicacións recentemente adquiridas en relación coa figura deste autor.

https://bibliosoneira-blogueira.blogspot.com/2022/04/roteiro-literario-delgado-gurriaran.html

https://bibliosoneira-blogueira.blogspot.com/2022/04/benvido-don-florencio.html


Tamén poderedes visitar, nos corredores da ESO, a exposición sobre a súa vida e obra, e participar nun pequeno concurso que convocará o EDNL

venres, 29 de abril de 2022

EN MAIO E XUÑO IMOS TER MOITAS VISITAS

 Na reunión do pasado luns fíxose un recordatorio dos próximos encontros con varios escritores/as que nos van visitar no centro, e comentáronse as súas obras que xa leron ou están lendo a maior parte dos membros do club, e tamén alumnado e profesorado que non pertence formalmente ao club, pero que seguen no posible as nosas recomendacións.

Lembrámosvos que todas estas citas terán lugar na biblioteca, na hora de reunión do Club de lectura (xa sabedes, ás 15.30, antes das clases da tarde), pero estarán abertas a quen queira asistir. Só se apartará deste horario o encontro con Arantza Portabales, que será algo máis tarde, na sala de usos múltiples, pois por motivos laborais resúltalle imposible chegar antes ou vir outro día.

Velaí, pois, o noso calendario de encontros literarios de primavera:

O vindeiro luns, 2 de maio, recibiremos a Cristian Caruncho, que nos falará da súa obra Grandarroiba... e algo máis.





Unha semana despois, o luns 9 de maio, estará connosco o poeta Antón Recamán, que coñecemos ben porque é profesor no noso IES e ademais coordina a sección de cómic e manga deste club. Presentaranos o seu novo poemario e falaremos tamén con el do anterior.



O mesmo día 9 de maio, pero no horario de tarde, a partir das 16.45, gozaremos dun encontro coa novelista Arantza Portabales, que falará do seu último libro pero tamén do conxunto da súa obra, e responderá ás preguntas do alumnado.



Finalmente, o día 6 de xuño recibiremos a visita dun dos autores máis lidos este curso no club, Manuel Iglesias Turnes, que falará da súa última novela pero tamén das dúas anteriores, así como da historia e a situación actual do rural galego.



Non faltedes, e se queredes que vos asinen os seus libros, non esquezades traelos!


luns, 28 de marzo de 2022

Á VOLTA DAS VACACIÓNS...

 Para a próxima semana estaremos de vacacións, e á volta, o luns 25, toca celebrar a xuntanza do mes de abril, na que se comentarán as últimas lecturas e tamén se falará das próximas visitas de varios autores e autoras.

Esta vez será sen a coordinadora do club, que ese día ten RUTA LITERARIA en Lugo co alumnado de 1º da ESO, en relación con este libro que estiveron lendo as últimas semanas deste trimestre na súa "Hora de ler" semanal:


Aproveitamos para recomendarvos a súa lectura. Titúlase Contos de fantasmas no museo, contén catro relatos de cadanseu autor/a importante no panorama literario actual (Ledicia Costas, Anxo Fariña, Andrea Maceiras e Carlos Negro), e podedes collelo en papel na Biblioteca, ou ben descargalo da páxina do Museo Provincial de Lugo mediante esta ligazón




martes, 22 de marzo de 2022

ONTE FALAMOS DE...

 Na nosa primeira reunión da primavera fixemos, coma sempre, un repaso das nosas últimas lecturas e, tamén como adoitamos facer, cada unha das persoas que alí estabamos fixemos as nosas recomendacións.

Varias persoas comentan unha das lecturas recomendadas na sesión anterior: Azucre, da coruñesa Bibiana Candía. Foi unha das lecturas con mellor acollida nestas últimas semanas



Soraya recoméndanos unha obra doutra autora galega, aínda que escrita en castelán: La nostalgia de la mujer anfibio, de Cristina Sánchez Andrade (Anagrama). Trátase dunha novela que combina ficción cun feito real ocorrido hai un século.



Rocío continúa coa lectura das dúas últimas novelas de Arantza Portabales: Beleza vermella e A vida secreta de Úrsula Bas, que xa foron lidas tamén polos alumnos de 4º curso, entre os cales se atopan Sergio e Paula.

A coordinadora e a profesora do departamento de Lingua Galega lembran aos membros do club que proximamente esta autora visitará o noso centro, polo que convén axilizar estas lecturas se se desexa comentalas con ela, e recomenda tamén unha obra anterior: Deixe a súa mensaxe despois do sinal.

    



Sergio decidiuse por Senlleiras, de Antía Yáñez, e fai unha valoración moi positiva desta novela.

Aproveitamos para suxerir a lectura da súa nova publicación, acabada de chegar e na que se aborda, entre outros, o tema da saúde mental: Non penses nun elefante rosa.

  



Pola súa parte, esta vez Paula decidiu atreverse a abordar unha novela en inglés: The handmaid's tale. Comenta que non lle está resultando demasiado doado pero que, por outra parte, lle axuda o feito de coñecer xa o tema e argumento da obra.
Pola nosa parte, aínda que fomentamos a lectura preferentemente en galego, tamén consideramos importante abordala noutras linguas, polo que felicitamos a Paula por animarse a ler na lingua orixinal da autora.



Varias persoas están tamén a ler ou reler as novelas de Manuel Iglesias Turnes, que tamén nos visitará esta primavera, así como outras das recomendadas en reunións anteriores.

domingo, 20 de marzo de 2022

NON ESQUEZADES A REUNIÓN

 LEMBRADE!



MAÑÁ LUNS XUNTARÉMONOS PARA FALAR DE LIBROS E DAS NOSAS ÚTIMAS LECTURAS.

NO LUGAR E Á HORA DE SEMPRE:

ÁS 15:00 HORAS NA BIBLIOTECA


NON FALTEDES!

luns, 7 de marzo de 2022

Resumimos a última reunión e convocamos a seguinte

Entre actividades diversas e avaliacións, fóisenos un pouco das mans a actualización deste blog, e aínda agora vos presento o resumo do que falamos na pasada reunión 

Mario comentounos as súas últimas lecturas: unha en galego, O que sei do silencio, de Andrea Maceiras e un clásico da literatura castelá, o Lazarillo de Tormes.


Ao mesmo tempo recoméndanos Las lágrimas de Shiva, de César Mallorquí, e a súa continuación, El círculo escarlata.


Continuando coas lecturas e recomendacións dos máis novos do club, escoitamos a Paula, que nos comentou e recomendou un libro de non ficción sobre o tema da saúde mental: Por si las voces vuelven, de Ángel Martín.


Alicia e Carmiña seguiron algunhas das recomendacións que xurdiron da reunión anterior e leron, respectivamente, O Cabo do mundo, de Xavier Quiroga, e Golpes de luz, o último de Ledicia Costas.



Pola súa parte, Daniel tamén quixo seguir as recomendacións de reunións anteriores, e ao mesmo tempo lembrar a recentemente falecida Almudena Grandes, e decidiuse polo segundo dos seus Episodios de una guerra interminable: El lector de Julio Verne.



Antón recoméndanos un libro informativo de Carlos Briones: Estamos solos? e tamén un clásico: Colmillo blanco, de Jack London.


E chegou a quenda de Soraya, a máis  lectora do grupo. Nesta ocasión fálanos, coma sempre, de varios títulos que estivo lendo: Azucre, de Bibiana Candía, Buena mar, do xornalista Antonio Lucas, El año del pensamiento mágico, de Joan Didion, Casas vacías, de Brenda Navarro, e por último un libriño ilustrado: Más puta que las gallinas y otras animaladas machistas



Finalmente, Chus falounos da súa última lectura, esta vez de divulgación científica: La vida contada por un sapiens a un neandertal, de Juan Luis Arsuaga e Juan José Millás. Recomendable porque trata o tema da evolución -e outros- dun xeito moi ameno e doado de seguir.




E recoméndanos o terceiro libro de Manuel Iglesias Turnes, Os soños de Miguel, e tamén, para quen aínda non os leu, os  dous anteriores do autor, que tiveron bastante éxito entre alumnado e profesorado en cursos anteriores: As rapazas de Xan e Que non te aten




 Reunirémonos de novo dentro de dúas semanas: o luns 21, no lugar e á hora de sempre

Boas lecturas! 

O QUE IMOS LER ESTE MES É...

  Nesta primeira reunión, ademais das presentacións e a cata de galletiñas de benvida, falamos do plan de lecturas que temos para ir comezan...