luns, 28 de decembro de 2015

Reunión do 16 de novembro

Despois do "intenso" inicio de actividades do Club en outubro, a reunión de novembro tivo un carácter máis distendido e estritamente literario co inicio da valoración das lecturas escollidas.
Empezando polas lecturas en galego, todos os membros do Club coincidiron en sinalar como moi pertinente e axeitada a lectura do poemario Terra Chá de Manuel María (realizada pola totalidade dos membros do Club), por canto nos permitiu completar a lectura coa visita á Fundación Manuel María, onde se nos ofreceu una perspectiva moi ampla da vida e obra deste autor.


Respecto á 2ª das lecturas en galego, Morena,perigosa e románica, de Pedro Feijoo, escollida pola maioría do profesorado e por algún dos alumnos, coincidimos en sinalar a sorpresa inicial debida ás diferenzas cos libros anteriores do autor e o uso da comicidade como elemento central da novela. A este respecto, algún dos alumnos do Club que non estaban o curso pasado escolleron a lectura das novelas anteriores do autor, como Memoria da Choiva, e iniciaron un debate moi interesante respecto das similitudes e diferenzas co texto máis novo.



Respecto das lecturas en castelán, nesta reunión valorouse Percy Jackson y el ladrón del rayo, de Rick Riordan (1º vol. da saga) que foi a escolla maioritaria entre o alumnado do Club. Deste texto realizamos un primeiro achegamento na que se puxeron de manifesto aspectos como a reutilización dos mitos clásicos  gregos, as similitudes con outras sagas xuvenís (Harry Potter) ou a posibilidade de conectar estes mitos coa actualidade.


Respecto á 2ª lectura en castelán, os volumes Historia de Dark e Historia de Lynda (Odio el rosa 2), só nos deu tempo a realizar un breve comentario de Historia de Dark por parte dunha das alumnas do Club.


sábado, 7 de novembro de 2015

En outubro o Club Letraferit viaxa, vai ao cine e recita poesía...

Neste mes de outubro o alumnado do Club de Lectura incorporouse a dúas saídas extraescolares de moito interese literario. Así o día 19 pola tarde desprazámonos a Cee co alumnado de 1º de BACH para asistir á proxección cinematográfica da novela de Domingo Villar 'A praia dos afogados'.
O seguinte luns, 26 de outubro, acompañamos ao alumnado de 4º da ESO a Outeiro de Rei a visitar a Fundación Manuel María, situada na casa natal do autor chairego. Nesta ocasión o alumnado do Club tivo un protagonismo especial por canto realizou un recital poético en homenaxe a Manuel María no Salón de Actos da Fundación. Cada alumno/a escolleu o seu poema(s) preferidos da lectura 'Terra Chá' e recitouno para os seus compañeiros. Para ver o vídeo deste acto preme aquí.




Estas saídas cos nosos compañeiros do centro servíronos para dar visibilidade ao Club dentro do centro pero tamén para que os membros do Club se coñezan mellor entre si.

Comeza o curso 2015-16 con poesía e novas novelas

Comezamos novo curso académico e con el as actividades do noso Club de Lectura. Este ano seguimos moitas das persoas do curso pasado (as 9 profesoras e 10 dos alumnos) e temos 7 novas incorporacións. Entre o alumnado, temos 17 membros (4 máis có curso pasado): Guillermo del Moral e Marcos Esperante (1º da ESO); Alberto Andújar, Alberto Miranda, Balbina Rodriguez e Marco Santos (2º da ESO); Eva Olveira e Nerea Rial (3º da ESO); Nuria Agra, Gala Cernadas, Marina García, Salomé González e Isabel Valiña (4º da ESO), Laura Roget (1º de Bach); Natalia Lena (1º CMXA); Alba Méndez (1º CSAF) e Alexandre Pazos (2º CSAF). Entre o profesorado, temos 9 membros (1 menos có curso pasado): Mª Jesús Barbeira (dpto. Lingua Galega), Ana Penedo (Tecnoloxía), Carmen Rama (Latín), Ana Ramos (Administración), Isabel Regueiro (Física), Marina Rial (Orientación), Rocío Romero (Francés), Carmen Sanjurjo (Lingua castelá) e a coordinadora (Teresa Araújo).

Comezamos as nosas actividades o luns 5 de outubro no horario habitual (3.30 a 4.30) coas presentacións das lecturas para o 1º trimestre deste curso e a escolla por parte dos membros do Club. Neste trimestre, a Coordinadora propuxo comezar coa lectura do poemario 'Terra Chá' de Manuel María, autor ao que se lle vai dedicar o Día das Letras Galegas 2016. O motivo da proposta é realizar un achegamento a esta figura senlleira da nosa literatura e realizar a  finais do mes unha visita guiada á Fundación Manuel María, xunto co alumnado de 4º da ESO.




A seguir, as propostas para o resto do trimestre serían as seguintes:
-Para o alumnado de nova incorporación ao Club "Odio el rosa 1", proxecto multimedia composto inicialmente polos libros 'Historia de Sara' e 'Historia de Dani' e xa lido polos membros deste Club o pasado curso. O motivo desta proposta é que este proxecto editorial ten 2 novas incorporacións: 'Historia de Lynda' e 'Historia de Dark' (2015), que tamén se propoñen como lectura para o resto do alumnado.



- A 2º proposta para o alumnado sería a saga do escritor norteamericano Rick Riordan "Percy Jackson y los dioses del Olimpo", comezando polo 1º título da saga: "Percy Jackson y el ladrón del rayo" (2006).



Como última proposta de lectura, para o profesorado e o alumnado máis veterán do Club, a nova novela dun dos autores máis valorados polo nosos membros: Pedro Feijoo. A súa nova proposta narrativa titúlase: 'Morena, perigosa e románica' (2015).








sábado, 13 de xuño de 2015

Encontro co autor de Lembranças da Terra

Este luns 8 de xuño, tal e como estaba previsto, reunímonos na Biblioteca do IES co autor de 'Lembranças da Terra', Anxo Brea. Este libro de relatos, previsto inicialmente como lectura para o profesorado do Club, por estar en portugués e por ser de temática científica, resultou toda unha sorpresa pola aceptación entre os membros do alumnado do noso Club; supoñemos que tamén influíu o feito de ser o autor un profesor cunha longa traxectoria no noso centro educativo e do que algúns alumnos tiñan noticia como poeta, mais non como narrador.


Foi esta curiosidade, e o feito de que Anxo fose tamén membro do noso Club, a que nos levou a proponer esta reunión do noso Club centrada exclusivamente nesta obra.

O encontro comezou cunha presentación do propio autor, na que explicou o seu sistema de traballo como escritor, as súas temáticas preferidas e a súa visión do propio feito literario e do subxénero no que el incluiría a súa obra.


A seguir, desde os membros do Club xurdiron cuestión relativas aos coñecementos científicos profundos detectados no libro (e que moito sorprenderon por tratarse Anxo dun profesor de Lingua Galega), ao papel das linguas nun hipotético mundo futuro, a relación da súa obra coa doutros autores clásicos como Asimov, a importancia da memoria como elemento fundamental que configura a identidade do ser humano... A verdade é que foi una charla amena e distendida e que á maioría de nós nos soubo a pouco... ¡Graciñas, Anxo!

 

venres, 22 de maio de 2015

Últimas reunións do Club Letraferit para o curso 2014-2015

Aproxímase o final de curso e xa van quedando poucas reunións do Club: O día 8 de xuño teremos una Charla-encontro con Anxo Brea, profesor no noso centro, a propósito da súa obra:


E, finalmente, o luns 15 de xuño teremos a reunión final dos membros do Club para valorar a experiencia deste ano e ir adiantando propostas de lectura de cara ao curso que vén.
 

xoves, 7 de maio de 2015

Visita a Santiago de Compostela

Tal e como estaba previsto, o mércores 6 de maio, o Club de Lectura Letraferit visitou Santiago de Compostela co gallo da Feira do Libro.
A nosa primeira parada foi na Libraría Couceiro, onde Pablo Couceiro nos acolleu permitíndonos percorrela libremente e ofrecéndonos unha charla magnífica sobre a evolución do libro como formato de lectura e a maneira de restauralos e conservalos. Foi un encontro estupendo e de alí marchamos cargados cun agasallo para cada un dos membros do Club de parte da propia Libraría. (Vaia detallazo!).





 Da Praza de Cervantes compostelá marchamos á Biblioteca Municipal Ánxel Casal, que percorremos arriba e abaixo, marabillados pola disposición, amplitude e posibilidades culturais. Tamén alí fixemos unha parada para o café e para comer algo. Estabamos esfameados!




A última parada no noso percorrido foi o Paseo da Alameda, onde estaba situada a Feira do Libro.




Dela destacamos, sobre todo, o encontro con Fernando Cimadevila na caseta de Urco Editora. Dialogamos co autor sobre a súa triloxía "O mundo secreto de Basilius Hoffman", da que o autor nos confirmou que non se vai quedar en triloxía...! e sobre o seu novo libro "Acariciando o ceo", que moitos de nós mercamos e que tivo a ben dedicarnos. Foi para todos nós unha magnífica experiencia que pensamos repetir o ano que vén!!




Reunión do 20 de abril

O luns 20 reunímonos na Biblioteca do IES Terra de Soneira para poñer en común as nosas primeiras impresións sobre as lecturas deste trimestre. Así, a saga Eragón está entre as preferidas do alumnado, que a escolleron pola maxia e a aventura. Na nosa conversa sobre este clásico da literatura fantástica apareceron as relacións con outras obras deste xénero, como "El señor de los anillos" e comparamos os mapas dos 2 libros:




Pero tamén atopamos semellanzas con "Juego de tronos", no nome do personaxe de Arya: a Arya de Eragon é unha elfa e a de "Juego de tronos" é a filla máis nova de E. Stark:




Por outra banda, o libro de Ángelo Brea está sendo toda unha sorpresa para o alumnado e tamén para o profesorado, quen valoran moi positivamente este achegamento á lectura da ficción científica. Por este motivo, e a proposta dos membros do Club, a última reunión deste curso (prevista para o luns 8 de xuño) será unha charla-coloquio con Anxo Brea para suscitarlle todas as preguntas sobre esta obra:



Algúns dos membros do noso Club, como Gala Cernadas, tamén aproveitaron a reunión para falarnos dunha das súas lecturas e recomendárnola. Trátase de "A evolución de Calpurnia Tate" (2009) de Jacqueline Kelly, recentemente traducida ao galego e que Gala valoroa especialmente por presentar outro modelo de rapaza. Aquí deixamos tamén o enlace a unha valoración desta obra feita por Agustín Fernándéz Paz



Rematamos a nosa reunión coa preparación da visita cultural a Santiago de Compostela, o día 6 de maio, e establecendo o Calendario das últimas reunións (luns 8 e 15 de xuño).

luns, 13 de abril de 2015

1º reunión do 3º trimestre: luns 20 de abril

O vindeiro luns 20 de abril, no horario habitual, teremos a 1ª reunión deste trimestre no que faremos un primeiro achegamento ás lecturas propostas para esta última parte do curso.
Tamén nesta reunión prepararemos a nosa visita a Santiago de Compostela o mércores 6 de maio, na que visitaremos  a Libraría Couceiro, a Biblioteca Municipal Ánxel Casal e a Feira do Libro.


venres, 6 de marzo de 2015

Reunión do día 2 de marzo de 2015

Tal e como estaba previsto, reunímonos o primeiro luns de marzo para a presentación das propostas de lectura para o resto deste curso académico; dúas destas propostas viñan da man de membros do Club e as outras dúas da Coordinadora.
A primeira das propostas viña da man de Marina García (3º da ESO): trátase da saga fantástica de Christopher Paolini Legado composta polos libros Eragon, Eldest, Brisingr e Legado, na súa tradución ao castelán. Marina explicounos que o autor escribiu o 1º volume á idade de 15 anos!, o argumento deste e amosounos tamén a páxina web http://www.alagaesia.com/, con contidos moi interesantes (mapas, personaxes e pobos da obra, etc.).



















A 2ª proposta partía orixinalmente da profesora Isabel Regueiro e foi defendida por Alba Méndez (2º BACH): trátase da triloxía Apocalipsis Z do escritor pontevedrés Manel Loureiro, composta polos volumes El principio del fin, Los días oscuros e La ira de los justos (2010-2011).


Explicóusenos o argumento da triloxía e o nacemento da mesma a través dun relato publicado no blog do  autor que acadou grande éxito. Tamén visualizamos a páxina web do proxecto: http://apocalipsisz.es/ e indicóusenos que dispoñemos tamén da edición en galego dos dous primeiros volumes da triloxía publicados pola editorial Urco.





As últimas dúas propostas de lectura viñeron da man da coordinadora; a primeira delas, dirixida preferentemente ao alumnado do Club, sería a triloxía de Rosa Aneiros Ámote Leo A., composta polos volumes Destino Xalundes (2013), Estación de tránsito (2014) e Terminal de... chegadas? (2014). Explicóusenos o argumento da serie e indicóusenos que o 1º dos volumes obtivo o Premio Irmandade do Libro ao mellor Libro Infantil e Xuvenil do 2014. 


E para rematar, a segunda das propostas ía dirixida preferentemente ao profesorado do Club: táatase dun libro de relatos de ficción científica escrito en portugués e da autoría dun dos membros do noso Club, o profesor Anxo Brea: trátase de Lembranças da Terra & outras histórias de un futuro possível. (2014). Trátase dun obra que entronca directamente coa obra de Isaac Asimov e outros escritores. 




As catro propostas foron ben recibidas polos membros de Club, que se van repartir entre as catro, de tal maneira que para a vindeira sesión do Club (prevista para o luns 20 de abril) xa poidamos facer un primeiro achegamento a cada unha das posibilidades previstas. 

domingo, 1 de marzo de 2015

Próxima reunión do Club o luns 2 de marzo

O primeiro luns de marzo teremos reunión do Club para facer a presentación das novas propostas de lectura a a escolla das mesmas. Vémonos á mesma hora de sempre.

Encontro co escritor Pedro Feijoo

O día 9 de febreiro o escritor Pedro Feijoo reuniuse cos membros do noso Club para dialogar ao redor da súa obra e da súa concepción da narrativa.


Foi un encontro extraordinario desde o punto de vista da calidade humana da nosa reunión: Pedro Feijoo respondeu con xenerosidade ás nosas preguntas e se manifestou en todo momento cunha humildade extraordinaria respecto do seu labor.







As preguntas dos membros do Club versaron principalmente sobre Os "fillos dos mar" (documentación previa, marco histórico...), destacando especialmente a extraordinaria localización na cidade de Vigo, poñendo en valor aspectos da cidade que moitos descoñeciamos.







Houbo tamén preguntas sobre "A memoria da choiva" e sobre as outras miradas sobre a figura de Rosalía. Neste sentido, impresionounos o feito de que Pedro Feijoo compartise connosco o seu caderno de traballo desta obra, cos seus apuntamentos, notas, impresións e ideas... O material que utiliza como base para logo escribir as novelas.




Foi, en definitiva, un encontrou memorable para os membros do Club por canto tivemos a oportunidade de coñecer máis de preto a obra e as ideas dun dos escritores máis relevantes da narrativa galega actual. Un pracer!!


O QUE IMOS LER ESTE MES É...

  Nesta primeira reunión, ademais das presentacións e a cata de galletiñas de benvida, falamos do plan de lecturas que temos para ir comezan...