xoves, 4 de marzo de 2021

Da posguerra e do wolfram: Febre, de Héctor Carré

 Ao fío da última proposta de lectura complementaria vén estoutra de Héctor Carré:



Febre (2011) é unha historia ambientada entre 1942 e 1944 en Noia, onde bole un intenso comercio legal e ilegal arredor da mina de wolfram de San Fins (Lousame). A historia está protagonizada por Carmucha, unha rapaza de 17 anos que decide enfrontarse á súa maneira coa situación represiva da posguerra.

Aínda que o nazismo en Galicia non é o eixo central desta novela, si que está moi presente a recreación do papel que xogou Galicia como subministradora de wolfram para os dous bandos en conflito durante a Segunda Guerra Mundial.

A novela obtivo o Premio Xerais de Literaturatura xuvenil do 2011.

Neste enlace ao blog do autor podedes atopar as súas valoracións sobre a obra.

Nestoutro enlace tedes un artigo moi interesante sobre a historia da mina de San Fins.


mércores, 3 de marzo de 2021

Lectura e cinema

 Continuando co tema proposto, os nazis en Galicia na primeira metade do século XX, gustaríame engadir outra proposta de lectura e tamén unha película.


O libro é «O volframio en Varilongo», Santa Comba de Xallas (1941-1963), de Carmen Blanco Ramos. Nesta ligazón atoparedes unha completa reseña do libro. E se queredes profundizar un pouco máis, aquí podedes ler tamén unha ampla reportaxe sobre o tema dos nazis, a industria da guerra e o wolframio nesa época.




E para acompañar a lectura, unha película coa mesma temática e ambientada tamén por aquí cerquiña, que podedes ver se premedes no seguinte enlace: Lobos sucios 

Lobos sucios é un filme español de drama e suspense, dirixido en 2015 por Simón Casal e protagonizado por Marian Álvarez e Manuela Vellés.

Aquí vos deixo unha páxina dos premios Goya 2017 (foi proposta, aínda que finalmente non obtivo o premio) onde podedes ver un resumo do argumento e o tráiler da película.

venres, 18 de decembro de 2020

2ª e 3ª reunión do club de lectura

 O luns 21 de decembro e o luns 8 de febreiro, ás 3.30 da tarde, tiveron lugar na Biblioteca do IES a 2ª e 3ª reunión do Club nas que falamos do que estamos a ler...




domingo, 15 de novembro de 2020

Curso 2020-21: A lectura no club Letraferit en tempos de pandemia

Para este curso tan peculiar que temos por diante propoñémonos un Itinerario lector a través de unha das temáticas de máis exíto da literatura galega deste segunda década do século XXI: a presenza dos nazis en Galicia. Esta temática, moi relacionada coa memoria histórica dos tempos da Guerra Civil e a posguerra, permítenos afondar nun dos episodios máis descoñecidos da nosa historia recente: a posición estratéxica de Galicia durante a Segunda Guerra Mundial, tanto para os alidos como para os nazis, e a presenza destes últimos no noso territorio despois da contenda buscando refuxio e como lugar de paso cara América.

Para afondar nesta temática podemos escoller entre os seguintes títulos:

A cova das vacas mortas, Jaureguízar, Xerais, col. Fóra de xogo. 2006.


 Podemos considerala un claro precedente (publicouse en 2006, obtendo o Premio Fundación Caixa Galicia de Literatura Xuvenil) desta temática. Na novela o protagonista (Xoel) é neto dun antigo nazi vinculado a Leni Riefenstalh e descobre que moi preto del (Negueira de Muñiz) viven agochados antigos xerarcas nazis.

Podemos consultar desde aquí a Ficha de lectura desta obra, así como unha axeitada recensión da mesma.

Máis recentes e tamén encadrables dentro da chamada "literatura xuvenil" temos outras dúas propostas:

Memoria do silencio, Eva Mejuto, Xerais, col. Fóra de Xogo, 2019



Nesta novela (finalista do Premio Jules Verne e Lista de Honra 2019 da OEPLI) ambientada na Ribadavia de 1943 un espía nazi intenta destapar unha trama internacional que axuda os xudeus a chegar a Portugal e abandonar Europa. Cómpre destacar que as irmás Touza da novela existiron en realidade e tiveron un papel moi destacado nesa trama internacional destimada a salvar seres humanos da barbarie nazi.

Podemos consultar desde aquí a Ficha de lectura desta obra, así como una recensión da mesma.

Wolfram. Espías, nazis e maquis, Alberto Varela Ferreiro, Xerais, 2020


Nesta estupenda novela gráfica, un espía inglés co nome de W. C. Morgan chega á Galicia de 1939 para investigar ata que punto chega a presenza nazi no noso territorio.

Podemos consultar aquí unha recensión da mesma. 

Para este itinerario temos 4 títulos aparecidos en colección para adultos. Trátase de:

Cabalos e lobos, Anxo P. Lorenzo, Xerais, 2015.


Esta novela, que obtivo o Premio Blanco Amor no 2014, está ambientada en Vigo en 1972 e nela a protagonista, descendente de alemáns, debe enfrontarse aos vencellos da súa familia e da cidade na que vive co nazismo.

Podemos consultar aquí unha excelente recensión da obra.

Por que as sombras non teñen ollos, Luís García-Mañá, Xerais, 2015.


Esta novela está ambientada en 1944 na fronteira entre Galicia e Portugal onde espías nazis e aliados intentan atopar a documentación que se transportaba nun avión inglés que se estrelou na Serra da Pena, á altura do marco nº 125 da fronteira entre Galiza e Portugal, entre o concello de Calvos de Randín e a vila portuguesa de Montealegre

Podemos consultar aquí unha excelente recensión da obra.

Izan o da saca, Xabier Quiroga, Xerais, 2015. XXII Premio Literario San Clemente, 2016.



 Nesta novela un investigador acepta o delicado encargo dun coñecido político e empresario galego de desentrañar un suposto pasado nazi co que os seus inimigos poden relacionalo. Con este encargo, realizarase unha perigosa pescuda sobre un dos feitos históricos máis intrigantes da posguerra: a misteriosa «Ruta das ratas» ao seu paso polo noroeste da península Ibérica e cara ao refuxio nazi en América do Sur.

Pódese consultar aquí unha estupenda recensión da novela.

O exército do fume, Manuel Gago, Xerais, 2018.


A novela está situada en 1942 cando Galicia vive dúas guerras ocultas ao tempo: na costa, nazis e aliados combaten no mar e nos portos polo dominio do Atlántico; no interior, a resistencia enfróntase teimuda ao poder de Franco, ata que todo se cruza cando unha mestra recibe o seu primeiro destino nunha distante aldea da Costa da Morte.

Pódense consultar aquí a presentación da novela que o autor realiza no seu blog persoal e unha entrevista co mesmo sobre a obra.


Para todos aqueles que queirades "aprofundar" nesta temática, podedes consultar estes artigos de prensa:

-          https://www.farodevigo.es/galicia/2009/07/28/huella-nazi-galicia-17915001.html

-          https://www.elconfidencial.com/espana/galicia/2020-02-22/familia-franco-venta-legado-nazi_2460691/

-          https://www.elespanol.com/quincemil/articulos/economia/wolframio-el-ingrediente-gallego-de-los-tanques-de-hitler

-          https://www.vigoe.es/vigo/mas-vigo/galicia-el-eslabon-oculto-de-hitler/

-          https://www.abc.es/espana/galicia/abci-galicia-iberico-segunda-guerra-mundial-202002240047_noticia.html?ref=https:%2F%2Fwww.google.com%2F

-          http://www.galiciaartabradigital.com/archivos/137258

-          https://www.eldiario.es/galicia/casaio-secretos-wolframio-empresa-galicia_1_2737629.html

-          https://galicia.economiadigital.es/politica-y-sociedad/los-nazis-de-sofindus-la-historia-detras-de-la-leyenda-de-monte-neme_638717_102.html

sábado, 15 de xuño de 2019

Última reunión do curso do Club de lectura Letraferit

O luns 10 de xuño tivemos a última reunión do curso do Club Letraferit que, coma xa vén sendo habitual nos últimos anos, consistiu nunha comida compartida na Biblioteca na que houbo tempo para facer a valoración da actividade do club deste curso e tamén para compartir recomendacións de lectura para o verán.
Polo que respecta ás valoracións realizadas, a boa convivencia nas reunións e a variedade de propostas lectoras seguen a ser as cuestións máis valoradas polos membros do Club, aínda que este ano -sobre todo no último trimestre- a existencia de varios clubs de lectura dificultou o calendario de reunións deste club en concreto posto que as 3 coordinadoras dos clubs tamén forman parte deste e teñen que combinarse.
Polo que respecta ás recomendacións de lectura para o verán en lingua castelá, houbo un pouco de todo: desde propostas de lectura máis lixeiras e de temática humorística como Pretérito imperfecto (2018) de Nieves Conconstrina ou Gamberro y caballero (2017), de Miguel Lago,





ata novelas históricas de longo percorrido, como a Triloxía dedicada ao emperador Trajano de Santiago Posteguillo, composta por Los asesinos del emperador (2013), Circo máximo (2015) e La legión perdida (2017),





pasando por novelas que recrean distintos episodios da Guerra Civil española e da posguerra, como Antonia (2014) de Nieves Concostrina ou a novidade Largo pétalo de mar (2019), de Isabel Allende.




Polo que respecta á literatura en lingua galega, houbo recomendacións tamén moi variadas: títulos de autores moi do gusto dos membros deste club, como Atuado na braña (2002) ou Era por setembro (2004), de Xabier Quiroga; Os fillos do lume (2017), de Pedro Feijóo ou A viaxe de Gagarin (2014) de Agustín Fernández Paz,





e tamén houbo recomendacións de novidades como O último barco (2019) ou Por puntos (2019), de Manuel Portas,



e recomendacións en portugués: Dormir com Lisboa (2017), de Fausta Cardoso Pires, novela gañadora do II Premio Antón Risco de Literatura Fantástica.



domingo, 26 de maio de 2019

Reunións do Club de lectura Hora de lectura no 2º cuadrimestre

O libro de lectura do 2º cuadrimeste foi Contos de fantasmas no Museo, editado polo Museo Provincial de Lugo e que recolle relatos de Ledicia Costas, Andrea Maceiras, Anxo Fariña e Carlos Negro. O libro é de descarga gratuíta na propia web do Museo no enderezo: http://www.museolugo.org/publicacions.asp?mat=92 e posteriormente é instalado nos dispositivos electrónicos da Biblioteca.


Na reunión do 18 de febreiro fíxose entrega dos dispositivos e dos libros en papel ao alumnado do Club e realizouse unha sesión de lectura electrónica para familiarizar ao alumnado con este tipo de lectura (en táblet ou en e-reader).
Aquí deixamos unha foto:


As seguintes reunións do Club tiveron lugar o 11 de marzo e o 8 de abril. O día 27 de abril, no marco dos actos da Semana do Libro, o alumnado de 1º da ESO realizou unha visita ao Museo Provincial de Lugo para facer as 4 Rutas literarias baseadas nos 4 relatos do libro. Nesta actividade, os membros do Club de Lectura actúan como guías dos seus compañeiros no desenvolvemento da actividade.

O día 6 de maio tivo lugar a última reunión do ano e nela fíxose unha valoración das actividades desenvolvidas. O que máis estiman os alumnos do Club son as actividades coas que se pechan as lecturas dos libros (concurso de sobremesas e viaxe a Lugo) e que explican a súa repetición ao longo da existencia deste Club.

Reunións dos clubs de lectura de francés no 2º cuadrimestre

Continuando coa dinámica iniciada no trimestre anterior, as reunións dos 2 clubs de lectura tiveron lugar nos recreos. As lecturas escollidas foron: On a volé Mona Lisa, de Cécile Talguen para 4º da ESO e Photos de nuit, de Thierry Gallier  para 1º de Bacharelato.




Houbo reunións nos recreos do 28 de xaneiro, para o reparto de libros e do 25 de marzo. A última reunión foi o 27 de abril (con 1º de Bach) e o 30 de abril (con 4º da ESO) e nelas valorouse a actividade. En xeral o alumnado valóraa moi positivamente (especialmente o grupo de 1º de Bach, onde se atopan varios membros do Club Letraferit) e considera que unha actividade deste tipo permite afondar no coñecemento dunha lingua estranxeira desde outro punto de vista (menos académico e máis lúdico). Aquí deixamos unhas fotos da reunión do último día de 1º de Bach e de 4º da ESO.



 
 
 

ATA SETEMBRO!

  Onte tivemos a nosa última xuntanza deste curso. Acompañounos David Cortizo Nieto, autor de Púrpura Tero Para pechar este curso que dedica...